BREVE RESUMO VIAXE A MONFORTE DE LEMOS

Sábado, 9 de febreiro 2019

Co programa previsto, saímos ás 9:15 h. de Castroverde, con parada en Nadela para cumprir coas visitas programadas.

Ás 11:00 h. visita ao Pazo de Tor, onde se nos explicou as diversas estancias do Pazo, a súa orixe e descendencia ata que foi adquirido pola Deputación Provincial para museo, sen estar musealizado, amósanos as diferentes etapas da historia desde a súa fundación alá polo século XIV ata os nosos días. Grazas aos guías polas explicacións precisas.

Arredor das 13:00 h, visita aos Escolapios de Monforte, onde se fixo, igualmente un percorrido histórico deste Escorial Galego, fundado por Rodrigo de Castro coa súa dilatada construción e os diferentes persoeiros históricos; logo pasamos á capela, que impresiona pola súa construción e sobre todo polo seu retablo, construción de Francisco de Moure, esculturas, pinturas, ente elas a adoración dos reis de Hugo van der Goes, que só se conserva unha copia, xa que se vendeu en 1913, mágoa deste país sen xeito; o orixinal está en Berlin. Rematamos visitando a pinacoteca onde puidemos ver grecos (San Francisco), (San Lourenzo), Santas Catalina, Inés e Margarita de Andrea del Sartro do S. XVI, entre outros, salientar a escaleira da entrada sen apoios e cun peso dos chanzos de máis de mil quilos.

Pola tarde, visita ao museo do viño, con explicacións do edificio e a súa restauración, para informarnos seguidamente sobre a comarca da Ribeira Sacra, dende a orixe ata as hectáreas adicadas a viñedo e os diferentes caldos. Remantando coa degustación dun godello da zona. Grazas ás guías, mágoa que non nos explicaran na nosa lingua, xa que non había motivo a expresarse noutra lingua que non fose a nosa, a galega.

Para rematar a xornada coa visita ao museo Lodeiro, socio e veciño que foi de A Meda, afincado en Monforte desde hai anos, parabéns por ter montado este museo co seu esforzo e sen axudas, cunha abundantisima mostra de esculturas; en pedra, mármores de diferente tipo, madeira e pinturas. Grazas polas explicacións e acollida agarimosa.

Saúde, Terra, Patrimonio e Lingua.

Monforte-Castroverde-Lugo a 9 de febreiro de 2019