BREVE RESUMO DO ROTEIRO FONSAGRADA-CANDAÍDO, POLAS ASOCIACIÓNS “PASADA DAS CABRAS”, “TERRAS DE LOURENZÁ” E “AMIGOS DO PATRIMONIO”

Neste domingo 3 de decembro, fresco aínda que luminoso, as nosas respectivas asociacións emprenderon camiño cara á aldea fonsagradina de Candaído dende a capital do concello. O roteiro transcorreu polo medio de suaves pradeiras con lombas que daban paso a vistas dos montes e vales: os impresionantes Ancares nevados e a Garganta asturiana. A medida que iamos avanzando o camiño descendía cara o noso destino, pasando entre sebes e árbores frondosas aínda con folla, e que nos acabou por poñer no encantador entorno de Candaído, onde nos deleitamos coa súa arquitectura tradicional, intacta, na forma de dous hórreos de construción asturiana (unha tipoloxía que chega ata Castroverde mesmo), casas de pedra, e o noso obxectivo: a Capela dos Remedios, situada ao pé dun carballo centenario. Nesa magnitude de antigüidade, na entrada do lugar catalogado polo noso guía Alfredo Llano (veciño de Fonsagrada e Sr. Alcalde de Burela) con cincocentos anos de vida.

Regresamos paseniño, subindo polo mesmo traxecto, xa co sol máis alto e cedéndonos a súa calor, ata chegar á vila de Fonsagrada, que percorremos ata a praza do seu concello, onde algúns dos camiñantes aproveitaron para visitar o seu Museo Etnográfico, establecido no ano 1955 e que recolle tódolos oficios tradicionais da zona.

Saúde. Terra. Patrimonio e Lingua.