RESUMO – X ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS
REIVINDICACIÓN DA TRAZA HISTÓRICA DO
CAMIÑO PRIMITIVO AO SEU PASO POR CASTRO VERDE
Sábado, 27 de maio de 2017
Neste fermoso día de finais de maio quixemos celebrar o X Encontro de Asociacións e, facelo reivindicando a Traza Histórica do Camiño Primitivo polo noso concello.
Na presentación do Encontro diciamos:
A adulteración do itinerario tradicional do Camiño de Santiago polo concello de Castro Verde é unha mostra evidente da fraude que desvirtúa o significado histórico das peregrinacións e corrompe os seus valores esenciais. Esta marcha das asociacións sobre a calzada medieval pretende recuperar a memoria facendo visíbel a paisaxe cultural forxada ao longo dos séculos e valorar as señas de identidade do territorio histórico herdado polo noso pobo.
Logo da recepción das Asociacións (A Canteira de Neda, Agrupación Instrutiva de Caamouco de Ares, Arcas de Sárria, Arumes de O Corgo e solidariedade do Club Valle Inclán de Lugo, aínda que non puideron acompañarnos por diferentes motivos. Como estaba previsto, un pouquiño antes das dez, saímos en autobuses ata a parroquia de Vilalle. En Vilalle Ricardo G. Polín comenzou a explicación do Camiño ao longo de todo o percorrido, a quen agradecemos desde aquí o seu esforzo e saber. Dámos unhas breves pinceladas.
Reafirmou o paso do Camiño sobre treitos de vía orixinaria, adulterados, ou en fase de apropiación (A Vacariza, A Calzada de Vilalle, O Marquesado, Tarrío onde falou da recuperación do castiñeiro que caera en 2015 en Soutomerille, ao pé da igrexa, sendo recuperado e colocalo ao pé do albergue de peregrinos en Tarrio, Castro Verde).
Na rúa Santiago descubrimento de placa sinalando a traza histórica do Camiño Primitivo ao paso pola “rúa do Camiño Francés, sobre o Horto do Hospital na Ferraría de Castro Verde.
Despois de descubrir a placa; proba de pan, queixo, empanada, roscas e roscóns de Castro Verde, feito por socios/as da Asoc. Amigos do Patrimonio, outros socios con establecementos, achegaron froita, auga e colocaron unha carpa. Agradecer a todos o seu esforzo e traballo.
A seguir parada e expliacións na Praza do Rolo e Torre da Fortaleza.
Desde aquí baixamos polo camiño de Lamalexo ata As Penas de San Lázaro, onde os participantes no X Encontro trouxeron coios ou croios de cada unha das terras das que chegaban, de as Mariñas ata os das terras de Sárria e O Corgo, e foron depositándoas arredor da pedra coa inscripción que reza (San Lázaro), onde tiñamos colocado un pau para comenzar, deste xeito, a fundar un milladoiro como acto reivindicativo de identificación e posta en valor da trama arqueolóxica no lugar de San Lázaro e “A Capilla”, ás portas de San Miguel do Camiño. Continuamos polo val dun dos regos do río Chamoso por Penalonga e deixando á nosa esquerda, o castro, sartegos, igrexa e pazo de Recesende; seguimos por Souto de Torres, Mesón de Fraiás, e non puidemos ir polas Zarras ( que sería a traza histórica), optamos por achegarnos ata Vilar de Cas, pola traza oficial, para desviarnos pola Carrilleira do crego e o Agriño ata á croa de Soutomerille, baixada ata a casa Torre de Arriba, visita ao Cemiterio máis pequeno de Galicia, visita á igrexa, todo explicado, como diciamos polo noso socio e profundo coñecedor e investigador da Traza Histórica, por non citar outros aspectos.
Despois de xantar no Pavillón da Ferraría, na igrexa de Vilabade agardábannos, cunha hora de retraso, os grupos de Acordeonistas, Zuncunrrundullo e Natalia Silva, a quen agradecemos desde aquí as súas intepretacións musicais e longa espera; as interven cións musicais, podiamos dicir, que foron increscendo en cada un dos intervintes, e vimos como o público se entusiamaba e participaba en certas pezas.
No medio das intervencións volveu a participar Ricardo Polín para falar da “catedral” de Castro Verde e agradecer a D. Manuel, Sr. Cura párroco de Vilabade a amabilidade en ceder o templo e a falta de recoñecemento que temos este pobo con el.
Para rematar, J. Luís Cacabelos da Sociedade Instrutiva de Caamouco, interpretando, á capela, o Don Gaiferos en agradecemento ás explicacións de Ricardo Polín.
Peche do acto co intercambio de agasallos e anuncio de que para o vindeiro ano, -XI Encontro de Asociacións- correspóndelles aos de Caamouco organizar o Encontro.
Saúde, Terra e Lingua
Manolo
RESUMO_ X ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS_REIVINDICACIÓN DA THCP.docx
Deixa unha resposta