BREVE RESUMO – ROTEIRO e VISITAS CULTURAIS a FORTALEZA DE NARLA – CASTELO DE PAMBRE – IGREXA DE VILAR DE DONAS

Sábado, 11 de febreiro de 2017

Nesta fermosa mañá do día 11 de febreiro achégamonos a Friol, onde nos agardaba Concha, que nos acompañou ao longo do día. Agradecerlle desde aquí que nos acopañara ela e a súa familia.

Saímos de Friol arredor das once horas para achegarnos ata a Fortaleza de San Paio de Narla. Polo fermoso camiño puidemos ver, entre outras cousas, o muíño de Serén, a área recreativa de Friol, as Pedras Cabaleiras, dúas pontes medievais sobre o río Narla, o muíño de Rosón e amplas fincas e gando vacún.

Na Fortaleza agardábannos as guías; e Paquita fíxonos un rápido repaso da Historia da Fortaleza desde as súas orixes ata a súa adquisición en 1939 por parte da Deputación Provincial e o acondicionamento como museo etnográfico en 1983, acometendo as últimas reformas a comenzos deste século. Logo da explicación, e a alusión a Castronela e lenda da Cova da Serpe, visitamos as diferentes salas ata subir á torre da Fortaleza desde onde temos unhas fermosas vistas sobre as Terras de Friol.

Agradecer desde aquí ás guías do museo a súa amabilidade.

Pola tarde, despois do xantar, visita ao Castelo de Pambre, onde puidemos ver as últimas remodelacións despois da adquisición da Xunta. Un dos poucos castelos que quedaron en pé. Visitando as salas de interpretación e subindo á torre do Castelo desde onde temos unhas fermosas vistas das terras de Palas de Rei.

Para rematarmos o día visitamos a igrexa de Vilar de Donas, que Don Jesús nos explicou, demostrando un coñecemento exahustivo con referencias ás diferentes épocas e a toda á simboloxía e iconografía que encerra esta fermosa igrexa. Agradecer desde aquí a amabilidade deste guía que aos seus oitenta e nove anos é sorprendente o seu entusiamo e enerxía.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo