Proxección documental sobre o último guerrilleiro da Galiza

Este venres, 16 de decembro, ADEGA proxectará no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ás 20:30h o documental "Camilo: o último guerrilleiro de Galicia" de Alba Sánchez, Juan Pirola e Miguel García. ADEGA promove a IV Edición do ciclo documental “A nosa Terra, a Nosa Cultura”, dentro da campaña "Ponte no medio. Móvete polo Territorio". Este ciclo é un cine-fórum no que se expoñen traballos audiovisuais galegos que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais e que teñen que ver co noso patrimonio natural ou cultural. As diferentes sesións do ciclo permiten a cidadanía intercambiar reflexións e experiencias cos autores dos diferentes traballos documentais e expertos dos diversos eidos sobre os que versan estas obras, creando deste xeito, un espezo de análise e debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio.

III Sesión: Memoria

Nesta terceira sesión do ciclo documental a obra a proxectar será: "Camilo: o último guerrilleiro de Galicia" de Alba Sánchez, Juan Pirola e Miguel García.

A súa sinopse é a seguinte: Camilo de Dios naceu e medrou en Sandiás, unha vila da Limia (Ourense). Fillo de pais comunistas, viuse obrigado a marchar para o monte aos 15 anos. Un ano despois, Camilo é ferido nun enfrontamento co exército e é entregado a Garda Civil. A partires de aquí, a súa vida convértese nun paso polas cadeas de todo Estado español, Nelas pasou a meirande parte da súa adolescencia, sendo liberado 10 anos despois e saíndo en liberdade nun mundo totalmente distinto a como o coñecía.

Camilo: o último guerrilleiro de Galicia é un documental que pretende recuperar a historia non só da guerrilla, senón de todas as fuxidas, as torturadas, os puntos de apoio e, en definitiva, de todas e cada unha das persoas que plantaron cara ao fascismo. O proxecto mergúllase na historia para desenterrar todas esas testemuñas soterradas e facer escoitar todas as voces soterradas polo franquismo a través dunha soa: a de Camilo de Dios.

Charla-coloquio

En cada unha das sesións, tras as proxeccións hai unha charla coloquio entre o público e os autores/as dos documentais, ademais de persoas convidadas que incitan á reflexión en cada un dos temas tratados nas pezas audiovisuais.

Nesta terceira sesión intervirán a produtora do filme, Alba Sánchez Botana, e o guionista, Miguel García Valdeón.

Este Ciclo Documental conta co apoio e patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Máis información en: http://adega.gal/axenda.php?id=391&idioma=gl&sec=11