O domingo, 23 de outubro de 2016, celebrarase a VIII edición da Carreira Popular Arumes do Corgo: Memorial Quique Casanova, que organiza a A.C. ARUMES DO CORGO en Colaboración co Concello do Corgo, a Delegación lucense da Federación Galega de Atletismo e outros máis (Coca Cola-Begano, Club de Atletismo Arumes-Área 10, Centro de Estudos do Corgo, Subdelegación do Goberno, Protección Civil de Lugo…).
Este ano cóntase superar os máis de 200 participantes da sétima edición, organizados en 12 categorías para varrer todas as idades posíbeis (dende prebenxamín ata veteranos 3). As distintas carreiras terán lugar nas proximidades do CEIP do Corgo e comezarán ás 10:30 h. Ás 12:15 estímase que se realizará a entrega de premios.
Nesta edición, e nas vindeiras, preténdese render homenaxe a Xosé Henrique Casanova Sánchez (Quique Casanova), impulsor hai 11 anos da Asociación Cultural Arumes do Corgo, membro activo da Xunta Directiva e gran colaborador da carreira popular dende os seus inicios, onde exerceu o cargo de Responsábel de Seguridade Vial dende a primeira edición ata o seu falecemento, o 27 de xuño de 2015, de aí o nome de "Memorial Quique Casanova".
O prazo de inscrición está aberto ata o xoves, 20 de outubro de 2016, ás 13:00 h. A inscrición pódese facer na web da Federación Galega de Atletismo ou da A.C. Arumes do Corgo:
http://arumescorgo.blogspot.com
A inscrición para as categorías inferiores será gratuíta mentres que para a carreira absoluta haberá un custo de 3€ por atleta. Excepcionalmente permitirase a inscrición no mesmo día da carreira, cun custo de 5€ participante.
Achegamos cartaz, tríptico e outros documentos importantes da carreira. Ante calquera dúbida pregamos que se poñan en contacto con:
Mario Outeiro Iglesias
Móbil: 626 739 390
Agardando que deades difusión ao evento, recibide unha moi forte aperta,
Mario.
Deixa unha resposta