EXPOSICIÓN: Un museo agradecido (Homenaxe do MPLugo ás persoas e entidades que o fixeron posible)
Inauguracion: xoves, 23 de abril, ás 20:00 h.
EXPOSICIÓN: Un museo agradecido (Homenaxe do MPLugo ás persoas e entidades que o fixeron posible)
Refectorios do MPLugo
(do 23 de abril ao 31 de maio de 2015)
_____Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta
O Museo Provincial de Lugo nace como froito das inquietudes culturais dun grupo de lucenses preocupados pola conservación e difusión do noso patrimonio histórico artístico. O impulso inicial dese grupo fundador unido ao apoio decidido, dende instancias políticas da Deputación Provincial, de persoas de distintas ideoloxías e sensibilidades, deu lugar a un proxecto que se caracterizou, dende o momento inicial ata o día de hoxe, pola implicación dinámica e activa da sociedade lucense e galega na súa consolidación e avance.
O ano da fundación, 1932, en plena Segunda República, é significativo pola etapa histórica na que se produce, un momento de ilusión e renovación das anquilosadas estruturas políticas e culturais da sociedade galega. Nese contexto, non é casual a implicación no xermolo inicial do proxecto dos sectores culturais máis activos e conscientes, de distintos perfís ideolóxicos, pero nomeadamente de filiación republicana e galeguista. A colaboración co Museo Provincial de Lugo de moitos destes persoeiros foi constante dende o momento inicial coa perspectiva posta nun proxecto museístico que, aínda que tiña como base de actuación a provincia de Lugo, aspiraba a transcender eses límites territoriais e posuía unha clara vocación de museo galego. Isto pode acreditarse se nos detemos a analizar a nómina de doadores e colaboradores do Museo e comprobamos como moitos deles participan, tamén, ao longo da súa vida, en importantes proxectos culturais, sociais e empresariais de gran transcendencia na Galiza da segunda metade do século XX.
Pero alén da importancia decisiva das achegas, moi importantes cuantitativa e cualitativamente, dun círculo reducido de persoas e institucións, se hai algo que caracteriza a historia e evolución do Museo Provincial de Lugo é a implicación de milleiros de persoas que, de distintas maneiras e cadaquén de acordo coas súas posibilidades, puxeron o seu gran de area ao longo destes 83 anos para contribuír a engrandecer e mellorar esta institución.
Dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo, que xestiona os museos da Rede Museística Provincial, e dende este museo que é, sen dúbida, o referente esencial dos museos de titularidade provincial, queremos recoñecer con esta exposición ese esforzo colectivo e esas contribucións individuais. É de xustiza agradecer todas as achegas, independentemente do seu valor, e facer público os nomes das mulleres e homes e as institucións que nos axudaron nesta travesía de máis de oito décadas na construción deste proxecto. Somos conscientes de que estamos diante dunha obra colectiva e, por iso, queremos darlles as grazas a todos e todas os que fixeron connosco este percorrido e aos que nos axudaron a facelo, porque queremos ser e somos un museo agradecido.
Deixa unha resposta