BREVE RESUMO ROTEIRO VILA DE CASTRO VERDE

Neste sábado, día 21 de febreiro, algo frío, mais interesante por varias circunstancias.

Comezamos o roteiro-paseo á media mañá, visitando os pendellos da feira, o souto onde se colocan as “pulpeiras”, cruzamos para a Veiga do Olmo e subimos ao Miradoiro do monte da Lomba, inaugurado recentemente. Segundo subimos, algún dos socios máis vellos comentaron que na marxe dereita da carballeira era onde se celebraba a feira das ovellas. Xa no miradoiro, puidemos albiscar diversos lugares de Castro Verde; á parte da Fortaleza, Castro Verde vello e parte do actual, outras parroquias como, Vilalle, Vilabade, parte de Montecubeiro (Santadrao) coa serra do “Mirador” ou Pradairo ao fondo, a croa de Bolaño, os lugares de Trasorras ou Trashorras, Fontao e detrás Rebordaos e Serés, e seguindo a liña do Camiño Primitivo intuímos que se ve a parroquia de Moreira, e ao fondo as terras de Lugo, isto cara o norte, noroeste e poente, cara a este e suroeste o resto do concello, mais sen poder concretar parroquias. Pensamos que é un dos mellores puntos para observar o concello se exceptuamos a serra do Miardoiro ou Pradairo.

Logo de contemplar estes lugares, baixamos á traza actual do Camiño Primitivo, pedimos ao concello que faga o esforzo de facer unha baixada axeitada, co que gañaría moito este percorrido. Seguimos pola traza actual do camiño en dirección a San Miguel, volvendo pola traza histórica do Camiño Primtivo polo lugar das Penas de San Lázaro e polo camiño do Castelo que nos volve ao Castro Verde vello descansadamente. Desde a praza do Rolo intentamos visitar o alxibe, mais foi imposible, debido a que pecharon toda a finca, volvemos sobre os nosos pasos, visitamos a Torre, lamentando o seu abandono e lembrando que outras torres, do estilo da nosa, están rehabilitadas e facendo de museos ou miradoiros, como xa temos comentado. Continuamos pola Travesía de Rodinso, rúa dos Nenos, Rúa do Trabado, visitando, unha vez máis, o albergue de peregrinos; volvemos á praza da Vila pola traza actual do Camiño, podendo observar, claramente, que a traza histórica que ía ao pé da Torre era a que tiña que estar oficializada.

Pensamos que este percorrido sería moi interesante para a Vila de Castro Verde, pedimos desde aquí que se trace un roteiro, indicando os principais lugares da Vila que no percorrido duns catro ou cinco quilómetros quedaríanos unha visión xeográfica-histórica do noso concello.

Pola tarde celebramos a asemblea extraordinaria, onde se aprobou a Proposta de modificación dos Estatutos Sociais.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo