BREVE RESUMO DA VIAXE A MONFORTE. VISITANDO, PAZO DE TOR, CENTRO DO VIÑO, MUSEO DE ARTE SACRA E MUSEO DO FERROCARRIL

Neste sábado, día 7 de febreiro, bastante frío, mais con visitas que, pensamos que todas son merecentes de louvanzas. Comenzamos visitando o Pazo de Tor, onde puidemos rememorar a historia dos pazos galegos, como foi a súa historia desde o século XVI ata prácticamente os nosos días, sen apenas modificacións, sendo este un dos poucos pazos onde todo parece que “segue igual”. Salientar dúas cousas, entre as múltiples que podíamos destacar; que no pazo consérvase un exemplar, do mapa de Galicia, de D. Domingo Fontán, un dos poucos que quedan e que varias das escenas do filme a Esmorga, foron rodas neste pazo que conta cunha finca dunhas oitenta hectáreas, mágoa que non estea mellor aproveitada.

A seguir visitamos o Centro do viño, onde se nos explicou todo o relacionado coa Ribeira Sacra galega, as zonas, a composición da terra, as terrazas, o clima. As variedades de uva, para rematarmos vendo un vídeo sobre toda a zona. Algúns asinamos para que esta zona se declare Patrimonio da Humanidade. Rematamos degustando un viño.

Pola tarde, visita ao Museo de Arte Sacro, onde son de salientar, entre moitas outras obras; o Cristo Xacente do escultor Gregorio Fernández e o calvario de San Fiz de Cangas de Pantón, formado por un Cristo, a Virxe e San Xoán, obra de autor anónimo de mediados da primeira metade do século XIV.

Rematamos o día coa interesante visita ao Museo do Ferrocarril, onde se nos explicou o funcionamento das estacións e a importancia de Monforte, salientar as máquinas que alberga o museo, desde máquinas de finais do século XIX, comenzos dos século XX (1911) ata 1948, entre outras. Rematamos cun pequeno percorrido nunha das máquinas para vermos un taller de reparación de máquinas onde se colocaban en círculo, máis de vinte máquinas, e ou vagóns e desde unha plataforma xiratoria se podía sacar e meter para proceder a reparar. Finalmente aínda tivemos ocasión de ver diversas máquinas de diferentes épocas, algunhas delas con bastante luxo, ata u carro de combate.

Grazas a todos os guías dos diferentes museos pola súa prestanza nas explicacións.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo