BREVE RESUMO VISITA Á EXPOSICIÓN DE ÁRBORES SENLLEIRAS DA TERRA CHÁ, VISITA AO PARADOR E PEQUENA CAMIÑADA ATA O MUÍÑO DO RAÑEGO Á BEIRA DO RÍO MADALENA- VILALBA – 10 DE XANEIRO- 2015

Neste sábado luminoso de principios de xaneiro comezamos coa visita a varias árbores in situ, principiando polo Carballo de Bravos (Vicinte), situado ao lado da capela da Nosa Señora do Rosario, continuamos coa visita ao Carballo das Carballas, subimos a Penas de Rodas cunha pequena parada no campo da feira de Gaioso para explicar o panel do roteiro das feiras. Desde aquí visitamos o Castiñeiro do Cemiterio e o Carballo de Tras do Regueiro en Rábade; finalmente, antes de visitar a Exposición de Árbores Senlleiras, achegámonos para ver o Carballo de Xoibán.

Seguidamente, visita á Exposición das Árbores Senlleiras da Terra Chá, verdadeiro motivo desta viaxe, onde o noso socio e veciño Ricardo G.Polín, explicou con toda precisión cada unha das árbores da Exposición, unhas sesenta árbores, non imos comentar todo o que nos contou, porque nons sería fácil facer un resumo, mais salientar a explicación da simboloxía das árbores en xeral e como hai persoas que truncan a vida das mesmas e outras que defenden a súa permanencia por encima de todo, como puido ser o caso do Carballo da Grueira ou como o poeta Manuel María cantou as árbores da súa casa de Hortas e a súa contorna, por salientar tan só o caso de dúas árbores. Agradecer a Ricardo que nos acompañara na explicación que sen ela a visita non sería o mesmo.

Pola tarde: visita ao Parador e Torre de Andrade. A Torre é de planta octogonal e duns 40 m. de altura, foi reedificada no s. XIV tras a súa destrución en Revoltas Irmandiñas, e reformada no XVIII. A principios do XX correu perigo de destrución e nos anos 60 foi rehabilitada como Parador de Turismo, recentemente ampliado con moderna edificación anexa.

Ao remate desta visita, pequena camiñada desde Vilalba á beira do río Madanela ata o muíño do Rañego polo Paseo dos Soños.

Saúde, Terra e Lingua

Manolo