INAUGURACIÓN PANEIS INFORMATIVOS DO ROTEIRO DAS FEIRAS DO TERRITORIO DO GDR4 – ROTEIRO POR LUGARES DE MONTECUBEIRO, ASEMBLEA E ASISTENCIA AO TEATRO.

Venres 7-11-2014

Resumo inauguración dos Paneis do Roteiro das Feiras colocados nos campos da feira dos concellos de O Corgo, Guntín, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo (zona rural) e Castro Verde, pola Asoc. Terras de Lugo.

O venres pola tarde, socios Amigos do Patrimonio de Castro Verde e membros da Asociación Terras de Lugo, participamos na inauguración dos paneis informativos colocados nos campos da feira do territorio do GDR4 onde se desenvolven feiras actualmente, escollendo dous deles; Adai e Castro Verde. Logo dunhas palabras por parte do presidente de Terras de Lugo, Álvaro Santos, Anxo Moure construiu contos en defensa das feiras tradicionais e do medio ambiente, tanto en Adai coma en Castro Verde. Despois da inauguración do panel informativo en Castro Verde, colocado a carón dos pendellos da feira, entregáronse os premios de fotografía “As sete marabillas” e, seguidamente, Mini e Mero deleitáronnos coa interpretación de poemas de diversos autores galegos, desde Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Claudio Rguez Fer … ata o autor homenaxeado este ano, X. Mª Díaz Castro, facendo referencia á crítica situación que estamos a vivir culturalmente na Nosa Terra e, aludindo á necesidade de defendermos a nosa indentidade máis ca nunca.

Sábado 8-1-2014

Nunha mañá chuviosa e neboenta, percorremos os lugares de Cepomundín, Santadrao, Verducedo, Pereiroá ata Castro Verde, con vistas ben fermosas, mais que non se podían contemplar no seu esplendor por mor da choiva e néboa.

Salientar que, a pesar do mal tempo, puidemos, nun breve momento, contemplar as fermosas vistas sobre lugares de Os Vilares, Albaredo, Vitureiro de Monte Cubeiro, a Croa de Bolaño etc. No percorrido son de salientar os elementos patrimoniais;o cruceiro da Granda, o escudo e fonte da Casa Pillado de Verducedo e a capela de Pereiroá (San Antón). Outros lugares que puidemos ver foron; Teixeda, Nabeda, San Fitoiro…

Pola tarde, ás 17:00 h. tivo lugar a Asemblea anual ordinaria onde se aprobaron as actas e contas do ano anterior e, propuxéronse as principais actividades do vinderiro ano. Quedando en continuar reinvindicando diversos aspectos pendentes, entre eles; a traza histórica do Camiño Primitivo, pescudar sobre a situación da igrexa de Soutomerille, reinvindicar, xunto con outras asociacións o emprego da nosa lingua en necrolóxicas, epitafios e mesmo na liturxía, etc.

Quedamos en continuar desenvolvendo os roteiros no 2º sábado de mes, aínda que para decembro é posible que se traslade a actividade para o domingo 14, mais isto confirmarémolo o antes posible.

Lembramos tamén o magosto que, organiza o Concello e que, se celebrará o próximo día 15 de novembro na Praza do Concello, onde colaboramos na organización.

Ás 20:00 h. asistencia á obra de teatro, Romeo e Xulieta (novidosa reinterpretación) por parte do grupo de teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, que se representou no CPI de Castro Verde.

Saúde. Terra e Lingua

Manolo