O pasado luns reuníronse en Compostela dous membros do Foro do Camiño Primitivo (Ricardo Polín e Quique Riobó) co Subdirector Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e mais o arquitecto Ignacio Cerrada. Reproducimos aquí os aspectos tratados nesa xuntanza:
– Reunión en ambiente cordial, receptivo e distendido. Asiste o Subdirector Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e mais o arquitecto Ignacio Cerrada, membro deste gabinete desque entrou a administración PP, presente na preparación dos expedientes de delimitación e tamén membro do Comité Asesor do Camiño de Santiago. Quique e Ricardo pola nosa parte.
– O Subdirector acredita coñecer os detalles do recurso e demandas do Foro do Camiño, o momento procesal no que se encontra, que lles foi requerida diversa documentación, etc.
– Manifesta ter unha posición colaboradora para tentar solucionar algo que se lles foi das maos, un problema herdado da equipa anterior dirixida por Pichel e María Diz, e que é consciente de ter recorridas todas as delimitacións oficiais.
– Afirma ser coñecedor de que o noso recurso polo Camiño Primitivo vai en sentido totalmente contrario ás reclamacións efectuadas no Camiño Norte da Costa: valora que nós apostemos pola historicidade e autenticidade sen intereses particulares ou especulativos, fronte ás posturas interesadas no caso de Baamonde, Friol, Guitiriz…
– Neste sentido, ambos admiten ter dado instrucións nada máis chegar para correxir unha filosofía previa que non valorou suficientemente a historicidade do Camiño, nin o seu tratamento cultural, polo cal o Camiño Primitivo e Francés pagaron o feito de estar xa delimitados con criterios deficientes cando eles chegaron á administración. Tentan que as delimitacións que faltan non caian nese erro.
– O arquitecto admite (a nivel persoal) que a delimitación do Camiño Primitivo foi efectuada de modo precipitado, con pouco rigor e debate, mesmo con malas formas, mais que eses foran os criterios políticos dese momento.
– Como consecuencia, o Subdirector afirma que dado que o momento procesal é o que é, que non poden facer nada por deter a maquinaria burocrática e que habería que agardar as resolucións xudiciais, recoñecendo que caso de fallar ao noso favor lles facilitaría a posibilidade de facer cambios.
– Aínda así, ambos recoñecen estar á espera dunha pronta resolución da UNESCO a partir de xaneiro, e que no caso probábel de que lles recrimine non ter feito un estudo máis detallado do entorno cultural, mesmo non ter delimitado unha zona de amortecemento como é debido, e que polo mesmo se pronuncie en contra polo momento, daríalles tamén a posibilidade de buscar unha desculpa para corrixir a delimitación.
– Tamén se mostran dispostos a abordar esta cuestión nos planeamentos municipais e planos especiais de carácter sectorial, para tentar impedir que se agraven as desfeitas, manifestando que en todo caso é unha vantaxe que a traza histórica fique dentro do territorio protexido legalmente e que permitiría controlar as actuacións nesas áreas.
– O arquitecto recoñece que o tema dos Camiños é moi complexo e suxeito a debate, así como a necesidade de identificar a traza histórica e analisar a problemática caso por caso, tratando de recuperar a calzada onde sexa posible e modificar o territorio histórico que dita mudanza implique…
– Queda sobre a mesa tamén o recoñecemento ao tremendo desgaste que esta estratexia leva consigo para os recorrentes, así como ao esforzo realizado no último cuarto de século para tirar por este ben cultural e ambiental, comprometéndose a procurar manter maior diálgo ao respeito mentres duren no seu cargo.
Deixa unha resposta