Localidade situada no Sur da provincia de Lugo. Está integrada na comarca de Lugo que comprende tamén os concellos de Guntín, O Corgo, Castroverde, Rábade, Outeiro de Rei , Friol e Lugo.
O vello Seixón, onde naceu a nosa socia Lidia Aurora López, autora da reportaxe. Autor da fografía: José López López (Pepe Pereira) |
A Vila de Portomarín está mirando ao Miño na marxe dereita da súa conca media, limita ó norte con Guntín, polo oeste queda Monterroso, ó sur Taboada e polo leste Páramo e Paradela. A superficie do concello son 114,6 quilómetros cadrados que se dividen en 20 parroquias. A capital municipal dista 26 Km. de Lugo e 103 Km. de Santiago de Compostela.
Praza da Vila e Igrexa de S. Xoán |
Portomarín, antiga Pons Minea do itinerario do Códice Calixtino ten unha curiosa e longa historia vinculada a súa localización no Camiño Francés da ruta Xacobea e a Encomenda de San Xoán alí instalada. De época romana parece ser a primeira ponte de Portomarín (S. II), que sería aproveitada na idade media polos peregrinos no seu camiño a Santiago. Esta primitiva construción foi destruída por Dona Urraca sobre o ano 1112 nas súas loitas co seu home Afonso o Batallador. A súa reconstrución figura citada no Códice Calixtino como obra de Pedro Peregrino no ano 1120. Esta ponte segue prestando servizo a peregrinos e habitantes da vila ata que o 8 de febreiro de 1895 derrúbase o arco central e posteriormente outros, de maneira que no momento do asolagamento só queda un arco no medio do río e o arco de estribo no barrio de San Xoán. Portomarín eran dous barrios, San Xoán e San Pedro, separados polo Miño e unidos ata este momento pola ponte medieval. Unha vez inutilizada esta e, pese ó uso de barcas para pasar a xente e outros usos agrícolas e de paso de mercadorías, o desenvolvemento da vila freouse e, non foi ata 1930 que se construíu unha nova ponte. Por estas mesmas datas construíuse cerca de Lugo, en Ombreiro, a ponte sobre o Miño nesa parroquia do concello de Lugo.
O vello Portomarín situado a carón do Miño foi durante todo o medievo un lugar moi destacado da ruta xacobea é por tanto un pobo que naceu ó abeiro do Camiño de Santiago coa clara linearidade dos pobos medievais imposta pola función de tránsito cara Santiago. Vilas deste tipo son frecuentes ao logo do camiño, como Sarria na provincia de Lugo e Castrogeriz en terras de Castela.A encomenda militar de San Xoán de Xerusalén exerceu o seu señorío velando pola seguridade dos peregrinos. O 8 de febreiro de 1946 a Vila foi declarada Conxunto Histórico Artístico.
O val do Miño ocupa o extremo oriental e cunha dirección xeral norte-sur ofrece unha paisaxe lixeiramente ondulada salpicado por relevos residuais como o monte Castrillón ou o monte Gándaras de Cebres. Estes relevos descenden lixeiramente cara o extremo occidental onde se encontra coas estribacións orientais da serra de Ligonde e os montes da Vacaloura, que constitúen a divisoria entre o Miño e o Ulla. Aquí nacen uns pequenos ríos e regatos que forman a rede hidrográfica do municipio que discorren cara o leste aportando o seu caudal ó Miño.
Este segundo tramo do Miño na provincia de Lugo que vai desde a súa unión co Neira ata o seu límite con Ourense ofrécenos unhas paisaxes fluviais singulares creadas pola natureza e a man do home. Resulta abraiante ver os socalcos e terrazas, ou muras como se chaman por estas terras, flanqueando as empinadas ladeiras do río embalsado onde se cultivan as viñas que producen os famosos caldos da zona que posteriormente e, por destilación tamén, nos regalan a súa coñecida augardente. Parece ser que debido ao encoro dáse nesta zona un microclima similar ao Mediterráneo. Como dicía Otero Pedrayo, estas son as primeiras viñas das ribeiras do Miño, que continuarán deica Goián e Vila Nova de Cerveira pasando por Ourense e morren así perfumadas polas marusías atlánticas e son tamén as de Portomarín as viñas máis próximas a Lugo.
Arco da escalinata e Capela da Dona Nosa das Nieves (sXII).Autor: Carlos Sieiro del Nido |
O vello Portomarín entrou tamén na lenda das cidades asolagadas, que son entre outras Valverde en Cospeito e Antioquia na Limia.
A política hidráulica de finais da década de 1950 proxectou a construción dun gran encoro nas terras de Chantada. O Miño represado ía anegar viñedos, terras de cultivo e monte ao longo de máis de 50 quilómetros cara o norte. Portomarín ía tamén desaparecer baixo das augas do Pai Miño e decidiuse crear un novo núcleo cun deseño firmado polos arquitectos Pons-Sorolla e Manuel Moreno Lacasa que se situou no monte do Cristo, lugar próximo ao anterior.
Nos primeiros anos da década dos anos 50 Fenosa tiña unha concesión para o aproveitamento hidráulico das augas do Miño , construíndo dúas presas de 100 m. cada unha . As presas eran Peares e Belesar con esta planificación as augas do Miño chegaban na súa “cola” ata o pobo de Portomarín sen asolagalo. Augas arriba do pobo estaba proxectada outra pequena presa de 35 m.. Todo isto figuraba no proxecto inicial, pero este modificouse eliminando a presa de 35 m e facendo a de Belesar de 135 m. Este feito cambiou para sempre a historia de Portomarín. En 1955 inaugurase a presa de Peares, situada en Chantada. É nese momento cando se presenta o novo plantexamento.
Por todo o municipio proliferan castros e medorras, Castromaior, Castro da Virxe, Castrolázaro,Castro de Soengas, que dan clara testemuña da súa importancia desde tempos moi antigos, pero o momento de maior esplendor coincide cos séculos X ó XII, sendo Portomarín un dos lugares máis importantes do camiño unha vez pasados os montes do Cebreiro. A partir deste momento a historia da vila parece estar ligada ó Conde Gutierre e a Condesa Ilduara, pais de San Rosendo.
A célebre torta de Portomarín |
En 1126 construíuse o hospital chamado Domus Dei para atender os peregrinos confiado a Orden de Santiago e que en ausencia de esta pasou a Encomenda de San Xoán, a que tamén correspondía o burgo de Portomarín, o coidado da ponte e o Camiño de Santiago. Esta Orden estaba composta por laicos o que explicaría o aspecto de fortaleza que caracteriza a Igrexa de San Xoán construída entre os sécalos XII e XIII.. Encomendadores e priores sucederanse ata mediados do século XIX.
A importancia histórica de Portomarín non encontrou continuidade nestes tempos, que o igual que noutros municipios da provincia a súa evolución demográfica foi decaendo dende 1910 fecha na que alcanzou unha poboación de 5.022 habitantes. Esta tendencia acentuouse especialmente desde a década dos 50 que debido os fluxos migratorios que se produciron de forma xeral e de forma particular coa chegada do encoro, que si ben na capitalidade igual non afectou dunha maneira moi importante, no resto do concello que está nas ribeiras do Miño foron moitas as familias que se foron a outros lugares.
Como xa se dixo a antiga Vila estaba formada por dous barrios, San Xoán na marxe dereita do río e San Pedro na esquerda, de ambos barrios foron trasladados os edificios máis significativos da súa historia como son a igrexa de San Xoán, hoxe San Nicolás,e a fachada da igrexa de San Pedro (data do século X), románicas as dúas. Trasladouse tamén o Pazo de Berbetoros, o Pazo do Marques de Paredes, do Conde da Maza entre outros. A igrexa de San Xoán é un dos monumentos románicos máis significativos do Camiño por ser unha igrexa –fortaleza con torres almenadas e cunha especial decoración na fachada na que destaca a fermosa portada e un rosetón delicadamente traballado e de grandes proporcións. A planta da igrexa de San Xoán ten a clásica orientación das igrexas románicas a cabeceira cara a saída do sol e a súa fachada principal cara a posta do mesmo (leste cabeceira, oeste fachada principal). O tipo de canzorro reticulado da a igrexa de San Xoán unha singularidade dentro do románico galego e español, é de tal importancia artística que ten presenza actual na vida galega (o citado deseño) a través da súa representación na cerámica. No ano 1967 e como froito da investigación do Laboratorio de Formas de Galicia de Cerámicas do Castro, xorde o modelo reticulado como forma decorativa dunha vaixela que pola súa orixe se chamou Portomarínica, tentando demostrar que o fenómeno da abstracción non é privativo do noso tempo e que toda arte de calquera época contén elementos abstractos.
En Castromaior, ademais do castro, hai unha pequena igrexa románica. Tamén é románica a de Cortapezas, onde había unha fragua e posiblemente un posto para ferrar as cabalerías dos peregrinos..
As obras de desmontado, traslado e montaxe do conxunto de monumentos de Portomarín leváronse a cabo en solo 4 anos de 1960 a 1964.Chamaron a atención pola súa complexidade. Como anécdota contaremos que a operación de traslado contou coa primeira grúa-torre que se acababa de construír en España, baixo patente francesa, marca Pingon, de 17 m. de pluma con traslación; comprada na Feira Internacional de Maquinaria de Zaragoza. A empresa que realizou o traballo foi Construcións Varela Villamor.
Outro dato curioso é que constituíu un fito na construción de presas a nivel mundial, sendo no seu momento a presa máis alta de Europa, para ela miraron Suíza, Alemania e incluso a Unión Soviética. A nivel mundial supón un avance similar o que deu paso do románico ó gótico. Con técnicas construtivas anteriores, para unha altura de 135 m., requiriría unha base de 110 m de grosor; cas novas técnicas construtivas o grosor da base é tan só de 29 m. Que foi un símbolo refléxase non solo na súa monumentalidade si non incluso no estilo, que garda parecido coa Casa del Fascio deseñada por Terragni para Mussolini, no lago Como.
“Un rumor de carros e de cascos de cabalos, de armas e de voces a posfazar e xurar nun complexo mogollón de lenguas foi impregnando durante séculos o granito de San Xoán de Portomarín, dotándoo dunha vibración de ecos fantásticos” X.L. Méndez Ferrín.
No ano 2013 cumpríronse 50 anos do asolagamento do vello Portomarín.
Neste ano 2014 cumpriuse un desexo do concello: contar cun escudo e unha bandeira; para elo, decidiron encargar a comisión de heráldica a tarefa. Contábase cun escudo que parece que procedía do ano 1963 e que se atribuía a Fenosa, pero non con bandeira. Agora xa se dispón de ambos elementos heráldicos. O escudo susténtase nunha base de olas azules e brancas, sobre as que se encontra unha ponte dourada, todo elo presidido pola Cruz de Malta baixo a coroa real. Na bandeira predomina a cor vermella cunha gran Cruz de Malta á esquerda. A parte dereita son dúas bandas en zigzag vermellas e marelas.
BIBLIOGRAFÍA:
– Francisco Xavier Ocaña Eiroa, “San Xoán de Portomarín”. Monografías do Patrimonio Monumental Galego. Xunta de Galicia. 1987.
– “Galicia en Comarcas. Lugo”. Ir Indo Edicións. 2005.
– Jesús Varela Villamor, “Iglesia de San Juan Puertomarín”. Proyecto de traslado y restauración. Servicio Publicaciones Diputación Provincial de Lugo.
– “Guía Turística de Lugo”. El Progreso. (Años 2007, 2008, 2009).
– Alfonso Eiré, “Belesar. O orgullo de España”. Hércules de Ediciones. 2013.
– “Guía de los Ríos de Lugo”. El Progreso – Xunta de Galicia.
– “Galicia pueblo a pueblo”. La Voz de Galicia. 1993.
Xornais consultados: El Progreso, La Voz de Galicia.
Lugo, 26 de Abril de 2014
Deixa unha resposta