ESTE XOVES, 27 de marzo, ás 20:00 h., dedicamos o número 35 da revista oral a lembrar a figura do poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-Lugo, 1990), con motivo de cumprírense 100 anos do seu nacemento o pasado mes de febreiro, e que este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas.
Para achegarnos a unha figura tan senlleira da nosa cultura contamos coas intervencións do profesor Armando Requeixo, que nos falará da vida e da obra; Alfonso Blanco Torrado traeranos á memoria a amistade que os uniu e X. Antón Cascudo, desde o mundo do audiovisual faranos partícipes dos segredos do seu documental “O instante eterno”. Tamén interveñen Óscar López, Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemí Romero, alumnos/as do IES “Díaz Castro” de Guitiriz que recitarán algúns dos versos máis coñecidos do poeta.
A revista contará no apartado musical coa actuación de 2naFronteira, dúo composto por Carmen Pením e Maurizio Polsinelli. A súa intervención é moi oportuna pois coincide cos días previos á publicación dun disco de seu no que musican gran parte dos poemas de “Nimbos”, a obra cume de Xosé Mª Díaz Castro. Un total de 15 cancións para voz, piano e harmonio, entre as que están temas que interpretarán nesta revista como Penélope, Nimbos, A noite é necesaria, Coma unha espada, Ai capitán, …
» Información de contidos da revista e datos biográficos (web da Rede)
Horario de visitas
___________
Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Museo Provincial de Lugo
27001 Lugo
Deixa unha resposta