DESPOIS DA INAUGURACIÓN, EN MONTECUBEIRO |
Queridos amigos, que estamos no miolo dun Couto, concretamente no monte dos cupeiros, das cubas, e por engado no berce onde se criaron centos de emigrantes a Cuba, que xa é un paradoxo, o de Monte-cubeiro (Montecubeiro) evidénciase con só recrear a vista nestas curvas tan frondosas e atractivas que nos rodean pois topónimo máis axeitado non cabe imaxinalo. Con iso e con todo, para min, e espero non ser o único en así catalogalo, estamos nun monte sacro, sacrosanto, polo cúmulo de feitos dos que foi escenario, ara ou altar de sacrificios.
Comezando polas mámoas de Eiladrán, ou Hiladrán, que das dúas maneiras se lle veu chamando, profanadas pola fame, pola fame de terras para facer decrúas, cavadas e pasteiros, pasamos aos recintos castrexos, precedente das comunidades de veciños, evacuados en dirección ao Medullius, que logo sería coñecido como Mons Ciro, monte de Ciro, aquel centurión avasallador, que non só ocasionou o envelenamento dos nativos con zume de teixo (taxus) cando se lles esgotaron os víveres, ou as lagoas, senón que, na súa rapina invasora abriu a ruta do Val do Azúmara, do que espoliaron, segundo Plinio, ¡nun ano!, sete mil libras de ouro. Fai cousa de tres ou catro anos aínda se rexistrou unha denuncia mineira para Arcos dos Frades, aí abaixo. Nesta parroquia, na nosa, quedounos esta lembranza entre outras, nas “grobas”, nos lavadoiros de Insua. (¡Por algo tiñan tan présa en facer, en obrigar a facer, as murallas, esa “caixa forte” de Lugo!).
Despois, todo por aquí, viñeron os eremitas, entre eles os da Valga do Santo Estevo, subindo de Veiga a Maxide, con ese topónimo sacro tamén tan elocuente, e co seu rego de auga bendita, excelente; bendita para min, pero non o foi para as pas da Concentración Parcelaria, tan expertas en soterrar pretéritos ilustres.
O ouro levárono pero deixáronnos o ferro, en particular o do monte da Ferreira, beneficiado nos fornos do Escouredo, coa potencia calorífica das uces e dos carballos deste couto; eu mesmo tiven nas mans, repetidas veces, grandes e abundantes escouras, que emerxían nas aradas dese lugar.
Tras, ou cos, eremitorios, ¡monte sacro!, erixíronse as capelas: Santiago de Foxos; Santo Adrao, AS Catro Cruces, da Cernada; Santa Petronila…; culminando co convento dos beneditinos, que pasou despois aos dominicos. As súas advocacións confirmar a súa antigüidade pois todas teñen, tiveron, invocacións típicas dos primeiros séculos do cristianismo en Galicia.
Non hai forma de investigar se andou por aquí Prisciliano, pero sabida a súa predilección polas carballeiras, herdada dos druídas, nada me estrañaría que lle debamos tanto ou máis que ao propio Santiago.
A xente desta parte do país, que sempre foi de carácter, -sabido é canto inflúe na personalidade o ambiente do berce respectivo-, non admitiu aquel chanchullo, aquel amaño familiar, da designación do Rei Silo, así que a Gallaecia Occidental negoulle acatamento, e por ende, tributos, expoñéndose así as represalias. Outro martirio, outro holocausto, que se iniciou no Monte da Matanza; queimado ese monte, que diso vén o topónimo Cádavo, os perseguidos retrocederon para o monte sacro, para o monte das espesuras, culminándose o holocausto aí arriba, na Fonte de Matahomes, que dá lugar ao sacrosanto cemiterio do Rego dos Ósos, que non dos osos.
Tras dos eremitas, os frades, de beneditinos a dominicos, e con eles as decrúas, os foros, décimos e primicias, ¡prima noctis incluída!, pero tamén a cultura, que non debeu ser pouca pois aquel Muñiz de Carvajal se fose un pailán nin daría chegado a Sevilla nin o levaría consigo, no seu equipo, o Licenciado Briviesca de Muñatones, destinado ao Goberno do Perú, no ano 1560.
Montecubeiro, un faro cultural nas tebras da época; sobran testemuñas diso, pero só citarei dous ou tres fitos: O noso frade, Manuel García y Gil, aquel teólogo de sona, figura cume no Concilio Vaticano I, que comezou aquí, no noso convento, de mestre dos seus foreiros, para chegar a eminencia cardinalicia no ano 1877, designado polo Papa Pío XI. A pléiade de mestres de “a ferrado”, ilustres fillos dos ilustrados polos nosos frades, que irradiaron cultura, nos séculos XIX e XX, por toda a contorna, a distancias incribles, pois chegaron ao Corgo, a Muxa, Valeira, Pol, etcétera. A guerra “incivil”, que fundamentalmente foi unha alarma, un pánico que lle entrou ao caciquismo cando se decataron de que estaban desaparecendo os analfabetos, colleunos neste Couto, ¡con unha biblioteca circulante, -libros a préstamo, para devolver os domingos “de Meira”-, e con unha Unión de Agricultores y Ganaderos! Dezaseis mortos dos 65 acusados e perseguidos, coido que é unha cifra elocuente, que non precisa comentarios.
Culminada, por entón, a fase das letras, Montecubeiro estaba pasando á das ciencias, aos saberes científicos, á racionalidade paulatina do traballo. Non coñecían a Pert, pero si os accesos ao “camiño crítico”, á arte, ¡á ciencia!, de engadir valores. Os frades ilustraran aos nosos emigrantes, e este triunfaban en América, de onde volveron maduros e cos coñecementos incrementados; con cartos, e tamén coa xenerosidade de estimular aos seus irmáns, pero tamén aos veciños.
¿Cómo sería Montecubeiro sen aquela guerra estúpida, inxustificada? Téñoo claro: ¡unha industria agroalimentaria, con subministres a domicilio, pedidos por Internet, ademais dun artesanado mecanizado de artigos elaborados con madeiras nobres, tantas que había aquí antes da Concentración! Unha terra feraz e unha xente instruída, avanzada, tiña que conducir a avances espectaculares.
Por aquel entón meu pai non paraba de facer escrituras de permuta de fincas, co cal uníanse, reuníanse, as de verdadeiro interese. Tamén se acudía a empedrar os camiños por prestación persoal non regateada. Eu mesmo entrei en Berlán, con un De Soto, desde Mosteiro, polo camiño de carro, en maio do ano 1957, ¡nunha zona de bocarribeira! De seguir aquela Unión, aquela cooperación, cando viñesen as leis de Concentración Parcelaria Montecubeiro acolleríase, ¡seguro!, á Concentración Privada, tamén con vías e obras de financiamento público, que son as boas, as boas concentracións, e non esa frustración, ese letargo, esas desviacións que tivemos/que padeceron estes veciños durante quince anos.
Como o pasado é pasado, e por tanto irreversible, o que nos ten que servir é de lección para reconducir o porvir en consonancia coas esixencias desta fase de globalización que lle toca vivir á xeración do século XXI.
Para enderezar rumbos o primeiro é mentalizarse que, sen desprezar as letras, compre utilizalas para avanzar nas ciencias, en particular no estudio das posibilidades de cada zona, fuxindo dos cultivos que deixen de ser rendibles por excesos competitivos. Nos meus tempos de directivo de Banca sempre me preocuparon as empresas inmobilistas, rutineiras, acollidas a sectores saturados, por altos que fosen os seus ratios de solvencia monetaria.
Montecubeiro tivo unha boa oportunidade coa louseira da Mouriña, naqueles anos de febre construtiva, pero tamén foi unha sorte para a ecoloxía que non se pasase da fase de adquisición de participacións.
Outra ocasión perdida foi a época de fabricacións de mobiliario e demais útiles con madeiras nobres, que estivemos importando de Portugal, con tantas árbores de calidade que había daquela na parroquia e que acabaron mal vendidas e mal aproveitadas por falta de iniciativas, pero iso tamén pasou á historia, e tardará en volver polas nosas ignorancias e pasividades en arboricultura.
Eu mesmo lle tiven postos os ollos ao embotellamento da Fonte das Augas minero-medicinais, na Ferradura, e boa decepción me levei cando descubrín que unha pista de Concentración Parcelaria entullara a fonte principal. Aquelas augas ferruxinosas terían hoxe un gran mercado, pero está visto que o bo, ou nolo rouban ou o inutilizamos nós mesmos.
Os avances en técnicas de conservación de produtos agrícolas, tales como a liofilización das castañas, están en auxe, con un mercado insatisfeito, particularmente atendendo pedidos domiciliarios por Internet, ¡que son as feiras modernas, e por tanto a mellor forma de prescindir de intermediarios monopolistas, pero, de presente, non cabe dar receitas concretas sobre produtos específicos porque a crises actual fará pensar moito, así que tomará derivacións socioeconómicas imprevisibles, hoxe inesperadas, pero en todo caso o abano de posibilidades de Montecubeiro é grande…, se nos molestamos en abrilo, en usalo! Daquela as novas xeracións teñen moito que aprender, pero tamén de quén e de qué facelo, así que só me cabe desexarlles ánimos. “Cave ne cadas”, que dicían os romanos; que non decaian, que avancen, que fagan honor á herdanza recibida…, pero á positiva!
Lembrando os vellos camiños é como mellor se dexergan os novos, as novas oportunidades, así que, como din os mariñeiros, ¡avante toda!, abramos novas oportunidades, que materia prima tedes. ¡É cuestión de roza-las silvas, que agora temos máquinas e non aqueles entregos, que o fixeron con aixada e fouciño!
Deixa unha resposta