Por

Ricardo Polín

Doutor en Filoloxía Medieval e historiador
Polo interese e respecto á verdadeira historia do Camiño Primitivo ao paso polo noso Concello de Castro Verde, publicamos este esclarecedor artigo do socio e colaborador da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.

Entrados no século XXI cómpre un alto no camiño para facer balanzo. A festa rematou. É agora cando vén a conto invocar o título 1 da lei do 96 de protección dos camiños a Compostela e a súa precisa e oportuna definición (ad pedem litterae) como “ben de interese cultural”. Catro palabras que valen o seu peso en ouro, tanto máis se somos capaces de as facer extensíbeis ao conxunto da camiñería histórica do país, un nobre obxectivo que sen dúbida está no cerne da valente proposta que somete a debate o Consello da Cultura Galega nestas xornadas, respondendo oportunamente aos seus propósitos fundacionais.

Cabe lembrar que aquela fora unha norma pensada ad hoc para o que se deu en chamar “Camiño Francés”, a vía mesetaria primada e potenciada de xeito omnímodo polo poder, mesmo ao punto de ser contemplada no texto legal como “ruta principal”, cualificación que –andado o tempo- se nos antolla claramente innecesaria e contraproducente, ao introducir unha evidente distorsión xerarquizante no que ten a ver co enfoque máis universal e acaído ao que significa empiricamente o conxunto da cultura camiñeira atesourada por pobos antigos en constante comunicación e cuxas calzadas milenarias non son máis que as cicatrices da historia que séculos despois mostran sobre o terreo a maneira en que os devanceiros aprenderon a solucionar os seus problemas esenciais de asentamento e supervivencia.

Era inútil pretender poñerlle portas ao campo. Inmediatamente xurdiron voces reclamando os dereitos históricos de “outros” camiños de longo percorrido cunha forte tradición odepórica. Claro, as rotas xacobeas non emerxeran por xeración espontánea, senón por aproveitamento do que en realidade era a nosa estrutura de comunicación internacional, civil, unha realidade complexa e racional que non se podía obviar, camiños francos, de libre tránsito e dominio público, de carácter demanial, nun plano xurídico igualitario. Forzábase así o recoñecemento oficial na lei do 96 para o que a regañadentes se dera en nomear co eufemismo de “vías secundarias” ou “alternativas”, subterfuxios utilizados como unha mera concesión a “outras rutas”, movéndose o lexislador nun difícil e proceloso equilibrio que a fin de contas desembocaba no artigo 1.2 recoñecendo o carácter plural do Camiño por antonomasia, como concepto xenérico, ao aceptar a protección das “rotas históricas recoñecidas documentalmente”, expresión que na súa estrutura profunda viña dar conta dun feito camiñeiro que hoxe abordamos con mentalidade moito máis aberta e universal.

Estamos convencidos de que o proceso nacía viciado en orixe: pretender un tratamento exclusivo dos camiños con tradición peregrinatoria á catedral compostelá, sen atender ao feito constatado de que –malia a sobreexplotación- en realidade esas vías xacobeas non son máis que unha parte indisociábel do nó gordiano da vella rede viaria á que lle atribuímos un especial carácter histórico, desa tea de araña que foron tecendo distintas xeracións de xentes camiñantes: un tecido baseado na experiencia e, por tanto, moi ben asentado na xeografía humana e oportunamente inserido sen feridas na paisaxe cultural, dado que a tradición fai aos humanos temperados nas ideas, como diría Julio Caro Baroja.

 Entendemos que se perdeu unha grande oportunidade para ter redactado unha verdadeira “lei de protección dos camiños históricos” como elementos relevantes do patrimonio cultural do país, desbotando esa idea maquiavélica que pretende explotar en exclusiva a marca “Camiño de Santiago” como plenipotenciaria, resultado de ter posto na teoría xurídica o carro diante dos bois. En consecuencia, o artigo 4 da lei do 96 coidamos que debería ter sido formulada no sentido de admitir que os camiños vellos constitúen un ben de dominio público de carácter cultural incluído na categoría de territorio histórico, con aplicación da lexislación xeral galega nesta materia e cos graos e niveis de protección a estudar en cada caso concreto. De aí derivaría a norma específica “dos camiños de peregrinación”, non á inversa. Por iso felicito ao CCG polo seu enfoque aberto e multidisciplinar cara o patrimonio camiñeiro.

 De certo, logo de se ter reservado inxentes cantidades de diñeiro público para o Xacobeo, a conclusión é que a operación mediática montada en torno a esta cuestión foi devorando a súa esencia e poñendo en risco os fundamentos do seu “éxito”, devaluando mesmo o propio concepto das peregrinacións, de tal meneira que o valor a protexer xuridicamente se foi diluíndo nas desenfreadas ansias especulativas e publicitarias, con consecuencias tan graves como a urbanización salvaxe da paisaxe rural e tradicional na que foron inseridos os nosos camiños desde tempo inmemorial. Nacían os “turigrinos”…

O máis lamentábel é que se perdeu tamén a oportunidade de coller aínda a tempo boa parte da nosa camiñería histórica. Neste cuarto de século que media desde entón, a “resurrección” dos anos santos non impediu que finasen mudas as derradeiras testemuñas orais da cultura camiñeira, os últimos viaxeiros de a pé, os que transitaron as vereas e corredoiras que fomos enterrando nestes anos da farándula en que a administración tirou para adiante sen verdadeira vontade protectora, tomando decisións curtopracistas que adoitan crear situacións imprevisíbeis, maiormente asentando falsos itinerarios por todas partes, indefendíbeis no plano empírico-científico e inabordábeis no ámbito xurídico da protección cultural, só xustificábeis pola presión especuladora que a fin de contas ten esmagado en gran medida a esencia espiritual e simbólica dos vellos camiños.

Pois ben, é nesa carreira sen retorno onde prende a obsesión polos grandes investimentos públicos realizados sobre un feito en si mesmo sobrio, austero, frugal, severo, por veces penitente, ascético, místico ou retirado. E fóronse inzando de simboloxías turísticas os camiños vellos de longo percorrido, urbanizándoos, innecesariamene artificializados. A consecuencia é obvia: languidece o patrimonio camiñeiro tradicional, as derradeiras calzadas no sentido pleno da expresión. (Aínda lembro hai vinte anos os camiños decimonónicos que viñan do Medioevo balizados de paus-fitos contra a néboa, con pedras-fitas facendo de marcos lindeiros, e os túmulos, árbores de ritual, camposantos e necrópoles civís á beira destas vereas con sabor antigo… un rico acervo cultural engulido pola maré “peregrinatoria” medida a golpe de estatísticas oficiais que consolidan novas sendas (lonxe do valor simbólico esencial da calzada como ‘camiño andado por outros, tempo atrás’), unha nova estratexia apartada do teórico espírito protector da lei do 96.

Bon exemplo deste desenfoque é a maneira en que o reflicten as exitosas “guías” (“para peregrinos”), mesmo autocualificadas como “práticas”, para ocultar a súa ausencia de indagación cultural, histórica ou espiritual, inzadas de recomendacións culinarias, estratexias consumistas e de ocio. Vai embora o sentido da rusticidade e o trato delicado cara o ambiente, o avance no coñecemento da terra humanizada conforme a experiencia atesourada nos camiños, facéndoa invisíbel até que non fique ninguén para aguantar dos nomes (Uxío Novoneyra na lembranza!).

Con este vasto panorama e o beneplácito expreso ou tácito dos organismos creados a tal efecto, fóronse alimentando eses proxectos de “adecentamento”, de “mellora”, disfraces verbais para enmascarar actuacións públicas e privadas impresentábeis, obras innecesarias resultado dunha concepción atrasada –subdesenvolvida- do que significa o progreso e a mellora das condicións de vida e a sustentabilidade, algo propio de mentalidades instaladas no despilfarro por conta da paisaxe, o imperio do cemento e da urbanización contraria ao espírito da lei de protección. Simplesmente un dato ben elocuente: malia a doutrina creada para ese fin, non foi recuperado praticamente nen un só metro de camiño público con valor histórico ocupado nas últimas décadas. Esta é a outra cara do “fenómeno xacobeo”.

Mais, aquí e agora prodúcese o feito realmente preocupante: xa non era posíbel adiar o proceso legal relativo ao documento-base previsto pola lei do 96, o D.N.I dos camiños históricos a Compostela, as delimitacións oficiais eternamente preteridas por intereses (ou “desintereses”) políticos, xa superadas por algúns planeamentos municipais cos que entran en contradición e claramente apremiadas polas declaracións da UNESCO, emitidas ou á espera das mesmas.

Estes novidosos documentos que se deberían ter aprobado hai máis dunha década para evitar males maiores, están no punto de mira de numerosos sectores sociais por seren pioneiros no que atinxe á cultura camiñeira de carácter histórico e porque da súa resolución depende en boa medida e por extensión, o ser ou non ser da protección dos camiños vellos e do seu territorio de influencia, a súa explicación, valoración e orientación futura. Un labor que –tal e como se prevé na lei do 96- só se pode entender desde o respecto ao ADN das antigas vereas e onde non cabe a programación caprichosa de “roteiros á carta”, tal e como ao noso entender se está a facer, consolidando baixo o abeiro do paraugas oficial numerosas fraudes itinerarias e patrimoniais que xa cumpren vinte anos sen seren rectificadas e que, por tanto, fóronse asentando e mesmo teñen vocación de permanencia e ansían conseguir o marchamo de “autenticidade”, logo do gravoso precedente do acontecido en torno ao famoso conflito co polígono industrial d’O Pino, a eterna loita entre o “ter” e o “ser”, entre o “prezo” e o “valor”.

O xeito en que se está a producir a proclamación destas delimitacións, ao noso entender supón unha preocupante perversión do sistema xurídico e democrático que nos temos dado e boa proba delo son os argumentos de contestación emitidos pola Consellaría de Cultura en resposta aos recursos contrapostos ao documento de delimitación da vía primitiva a Compostela, aos que no sucesivo nos remitiremos e dos que se desprende a aparición dun novo “dicionario” interpretativo da lei de protección, certamente alarmante no plano cultural: acusar pexorativamente de “afán recreacionista / historicista” aos máis grandes valedores da integridade dos camiños históricos, de facer interpretacións “froito de ensoñacións persoais”, de recorrer a práticas acientíficas “próximas á falsidade documental” sobre a base de que o erro central dos recorrentes está en pretender “reconstruír” un camiño medieval, coa desculpa de que os camiños citados nos documentos non se poden levar á cartografía ou planos parcelarios sen acudir ás vías existentes (estradas?), da imposibilidade de saber se por eses camiños transitaban peregrinos e para onde ían (esquecendo a lóxica racional e polivalente dos camiños históricos de longo percorrido), reducindo ramplonamente o mapa camiñeiro a unha simple “coletánea de pequenos treitos de camiños separados entre si por séculos”, a meras “hipóteses especulativas” (que, curiosamente, nunca se comproban) ou “creacións” baseadas en camiños tradicionais, de que as trazas “orixinais” son “paradigmas interpretativos imposíbeis de determinar cartograficamente xa que os camiños son anteriores ao fenómeno xacobeo e poden levarnos mesmo ao Neolítico…”, rexeitando así a posibilidade de recuperar a traza dos camiños vellos alí onde o permiten as fontes documentais e arqueolóxicas, co pueril argumento de que as reconstrucións historicistas ou arqueolóxicas están prohibidas pola UNESCO e van contra os criterios patrimoniais… son terminoloxías deprimentes que nos producen desasosego, arrepío e malestar aos que sabemos que esta cantinela adoita ser utilizada como coartada para non dar pasos á fronte, con pulso firme, na recuperación do noso acervo cultural, nomeadamente en materia tan sensíbel como a deturpación e profanación dos itinerarios que conectan ao noso pobo co seu propio pasado e a memoria das súas xentes.

É sobradamente coñecida esa estratexia evasiva consistente en derivar cara os valores intanxíbeis ou inmateriais todo o peso argumentativo no que atinxe á defensa do territorio con claro valor histórico, de aí que -nesta réplica recente da Consellaría de Cultura ás alegacións que rexeitan a delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago por impresentábel- se apele máis unha vez a paradigmas como o da continuidade baseada en conceptos puramente antropolóxicos, dos que se fai unha auténtica divinización ao consideralos como “integradores, interdisciplinares e modernos”, xustamente porque “fuxen das recreacións especulativas e da fosilización dos bens”, cincunloquio que a ninguén se lle oculta que pretende canear ou agochar o dilema esencial que é a recuperación da trama física da calzada de dominio público e dos seus valores asociados, inhibición administrativa e política que se intenta encubrir a toda costa tomando como valor esencial dos camiños de peregrinación –e por ende da camiñería histórica no seu conxunto, que é o máis preocupante- todo o que teña a ver co inmaterial de raíz etnolóxica ou antropolóxica (conceptos que adoito se confunden co etéreo, coas formas inmaculadas ou as expresións teóricas diluídas na capa gaseosa ao non contaren co soporte físico que se pretende esquecer…).

Nesta enrevesada dialéctica, evidéncianse interesadas contradicións:

            a) Se de por parte se recoñece unha verdade meridiana como é o feito constatado de que o camiño histórico non se manteña estático, senón como resultado xustamente do proceso histórico que engloba, da súa diacronía… admitíndose implicitamente que hai unha solución final que foi chegando aos tempos modernos e que é a suma de distintas sincronías ou estadíos concretos, e que ese resultado final é á súa vez unha calzada antiga que alcanzou a nosa civilización e que responde a unha toponimia ben definida e a unha traza previa á construción das estradas decimonónicas e posteriores… por outro lado denóstase a historicidade (por certo, primeiro VALOR nos inquéritos a verdadeiros peregrinos) tachándoa de “fosilizante” (entendemos que se pretende facer sinónimo de “inútil” e mesmo “incordiante”…).

            b) Se por unha banda se basea todo o interese da autenticidade do valor a preservar no feito de ser identificado ou asumido polos seus portadores (UNESCO), por outra renégase do camiño vello cando convén non abrir a espita da reversión en ocupacións (obsérvese que non falamos de “expropiacións”, termo claramente inapropiado) e entón apélase desde as instancias oficiais á metodoloxía etnográfica como único recurso ou –concretando en “román paladino”- á exaltación da sacrosanta fotografía aérea do voo americano do 56-57 que –curiosamente- non enxerga treitos significativos da vía antiga que temos visto ao natural e mesmo andado moitas persoas que entón xa eran anciás ou que aínda non tiñamos nacido.

Nas delimitacións oficiais que se publicitan con toda a carga propagandística propia do traballo mal feito que precisa de adobíos, admítese sen rubor a habilitación de vías funcionais “á carta” coa sempre doada desculpa de “facilitar o tránsito”, actuándose con total subxectividade no canto de primar a investigación dos treitos de calzada histórica ocupados, as súas causas e solucións acaídas no plano cultural, recorréndose por sistema ao subterfuxio da suposta característica de “revisábel” que “teoricamente” posúe o proxecto oficial e que, na prática, todos sabemos cales son –andado o tempo- as consecuencias dunha traza asentada en falso, mesmo cando se trata de realizar desvíos “a lugares de interese” aos que supostamente lles toca a lotaría… Non é serio.

Porén, onde fica a adopción de medidas cautelares que xa deberan ser adoptadas hai décadas? As consecuencias deste despropósito son tan obvias como numerosas: desprotección xurídica do territorio histórico abandonado á súa sorte, feísmo, deterioro da rede camiñeira, perda de señas de identidade do conxunto da cultura camiñeira de carácter histórico e desmoralización xeralizada dos sectores sociais implicados na defensa do patrimonio. Unha administración pública democrática non debera funcionar así: como se pretende a nivel xurídico que estas alternativas presuntamente fraudulentas e artificiosas se acollan ao criterio de “autenticidade” definido pola UNESCO, se paralelamente se rexeita iniciar o proceso de reversión do paso antigo das nosas calzadas conservadas até a apertura das modernas infraestruturas de comunicación terrestre?

Pois non será porque o título 1 (“Da natureza do Camiño”), expresamente no artigo 2, da lei de protección do 96, non sexa ben claro a este respecto: “A natureza demanial do Camiño esténdese aos terreos que ocupa e aos seus elementos funcionais. Con independencia do proceso de delimitación do Camiño previsto nesta lei, a súa anchura virá constituída por unha franxa de polo menos tres metros nos casos en que fose necesaria a súa recuperación (…). Adquirirán igualmente natureza demanial os tramos que se vaian recuperando do Camiño histórico que estean aínda en mans privadas. Mentres non se recuperen constitúese unha servidume pública para o paso do Camiño sobre propiedade privada dunha anchura de tres metros…”.

Mais como a consigna semella ser “non se meter en camisas de once varas” e tirar para adiante como sexa…, volve a insistirse na entelequia da tradición e a transmisión (UNESCO, 1994) exclusivamente no referente aos aspectos inmateriais (pásmense!) “do patrimonio vivo, non fosilizado”, pretendendo desvirtuar a norma con interpretacións tan rebuscadas como a suposta pretensión dos reclamantes na “reconstrución” como método a aplicar semellante ao utilizado no caso de barrios históricos, argumento tan pueril que cai polo seu propio peso, tratándose do obxectivo de facer transitábel un itinerario físico, unha servidume de paso… Mal se compadece esta demagoxia co recoñecemento xurídico dos camiños vellos, da súa traza e elementos funcionais, antes da fractura do último terzo do século XX, e nada máis lonxano desa acusación de pretender facer reconstrucións baseadas en hipóteses, cando ao outro lado non hai simplesmente nada.

A este propósito, entendemos que resulta apremiante saír dos despachos, supeditar métodos burocratizadores ao imprescindíbel traballo de campo, o cal inclúe a conversa demorada cos habitantes indíxenas que atesouran unha cultura centenaria dos camiños, e logo dar pasos decididos para inventariar, catalogar, protexer, recuperar, divulgar… Hai unha distorsión evidente, un punto de inflexión filosófico, cando se afirma literalmente que “A autenticidade debe ser establecida na base contextual antropolóxica que explica os procesos de creación da paisaxe cultural…”, ou que “as fontes documentais preponderantesdeben ser de natureza etnográfica e subsidiariamente ou complementariamentehistóricas…” (os subliñados son nosos), o que leva á administración cultural galega a acusar aos alegantes de “modelar tratados a gusto do investigador” desde o momento en que o enfoque é diverxente no tratamento do medio físico, do patrimonio material, obxectivábel, na relevancia concedida á traza das calzadas milenarias como factor determinante na constitución da nosa faciana e estrutura territorial.

  Se a nivel oficial os camiños históricos pasan a ter no inmaterial o seu valor estrutural máis importante (unha alma sen corpo) e se a Consellaría de Cultura ten asumido que “o valor está no presente vivo” (non no pasado) e que ese pasado histórico é “un fetiche inerte obxecto de contemplación…”, ao consideralo como “non vivenciado”, “non funcionante”, haberá que empezar a preguntarse quen se encarga de pór en valor e facer visíbel o territorio histórico? (talvez o paisano que adultera o percorrido dun camiño francés a golpe de brocha para favorecer os seus intereses especulativos, convertendo en “viva” e “actuante” dita falsificación agora bendecida por unha delimitación oficial máis que cuestionada? Véxase o acontecido, por exemplo, na aldea de A Viña, en terras lucenses dos fazais).

Ao cabo, ese modo de proceder tan anacrónico, conduce a unha perversión tal como pretender convencer aos administrados de que é máis positivo (para quen?) derivar os camiños históricos a estradas e pistas artificiais, con posteriores investimentos de fondos públicos na realización de obras paliativas que garantan a seguranza do paso peonil por esas modernas infraestruturas, no canto de investigar a ocupación das vellas vereas e proceder en consecuencia, como marca a lei. Nesas condicións non é posíbel aprobar con garantías unha delimitación oficial seria, tanto máis desde o momento en que xa o título preliminar da lei do 96 contempla o obxectivo de recuperar, conservar e mellorar os itinerarios históricos, aspecto decisivo para determinar o réxime urbanístico do Camiño, dos camiños, e das súas áreas de amortecemento, de cautela e protección.

Indignémonos: cando os alegantes contra a delimitación oficial da vía primitiva a Compostela reclaman a recuperación da calzada histórica que conduce ao hospital de peregrinos de Santa María de Gondar (arquidocumentado) e que veu sendo ocupada por fincas da propia casa nos vinte últimos anos, feitos dos que somos testemuña, e que mesmo se proceda a algo tan elemental como facer unha peritaxe arqueolóxica e incluír dito casarío actual no territorio e patrimonio do Camiño, no canto de desviar este á estrada próxima, adulterando o acceso á Costa Francesa, a contestación é tan elocuente como a seguinte: “Consideramos que é mesmo frívolo reclamar a reversión de procesos que o devir da historia e dos tempos deu por finalizado…”. Sen palabras.

Dúas décadas despois, as nosas cámaras municipais seguen sen inventariar os camiños públicos, sen catalogar e mirar de protexer as calzadas históricas que modelaron a súa paisaxe e asentamentos, permitindo o seu deterioro acelerado ou perda definitiva. A lei debe ser sensíbel a esta realidade social, primando a dimensión cultural e identitaria dos camiños de antes, abandonando a visión paifoca que sobre os mesmos ten enraizado na mente das nosas xentes como símbolo de atraso, escravitude e isolamento. A casuística é simplesmente escalofriante!

Don Ramón Otero Pedrayo aseveraba que “canto máis temos andado na vida, máis amor temos aos camiños”. Pois ben, o trato concedido ás antigas vereas, ás arterias dun territorio secular, dá fe do nivel cultural e dos valores humanísticos da sociedade que os substenta. Son as pegadas dos viais de tránsito interxeracional e interterritorial, que trascenden á nosa visión afectiva, os camiños do corazón. Tal é o respecto á historicidade que está en cuestión na delimitación e axeitada protección dos camiños vellos, dos de antes, para os que reclamamos a súa identidade civil. E tamén a demanda de indulto para as derradeiras corredoiras deste noso pobo, porque con elas vai o noso destino.

                       

                          En Castrum Veride, camiño primitivo, primavera de 2013.