Adolfo de Abel Vilela (Lugopatrimonio), Antonio Figueroa(GDR Terras de Lugo), Adela Figueroa (ADEGA) e Ricardo Polín (estudoso do Camiño Primitivo)
O Foro do Camiño Primitivo vén de facer público que denunciará a Xunta ante a Unesco e ICOMOS-España para denunciar “a delimitación fraudulenta do itinerario” pois acusa a Xunta de negarse a recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal e de deixar fóra de protección máis dun cento de elementos patrimoniais asociados ao primeiro Camiño a Compostela. O Foro solicitaralles que condicionen a declaración do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio Mundial “á delimitación obxectiva e á recuperación da traza histórica do Camiño alí onde o permiten as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis”.Demandarase pois á UNESCO que atrase a decisión “en tanto a Xunta non respecte os criterios de integridade e autenticidade”.
Segundo o Foro este itinerario aprobado pola Xunta “deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria”
A Consellaría de Cultura aprobou recentemente a delimitación definitiva do Camiño Primitivo de Santiago que foi, segundo o Foro, “repetidamente rexeitada e rebatida polo parecer experto de investigadores e organizacións culturais, ambientais e académicas ao longo dos últimos vinte anos”. Segundo o Foro este itinerario aprobado pola Xunta “deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria”, legalizando ao mesmo tempo outros tantos quilómetros “de itinerario falsificado cuxo desvío corresponde a intereses particulares e ilexítimos”.O Foro acusa o Goberno galego de empregar a estratexia de “feitos consumados” para poder “eludir a súa responsabilidade pública na recuperación dos treitos usurpados e na protección do territorio histórico asociado ao camiño”.
O Foro denuncia tamén que fican fóra de catalogación ou do territorio histórico protexido “máis dun cento de elementos patrimoniais chave no devir da vía primitiva”, coma o monumento de Santa Olaia de Bóveda, hospital de San Martiño de Bolaño, San Lázaro en Castroverde, casa do Hospital de Gondar, Cova da Valiña, igrexa de refuxio da Esperela, vía XIX por Guntín de Pallares, etc. Denuncia tamén que este proceso foi iniciado “ás agachadas”, en pleno período vacacional de Agosto, e concluíuse “de xeito repentino” no mesmo día en que se enviaron as respostas ás alegacións presentadas polos numerosos colectivos que integran o Foro. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeita a práctica totalidade dos centos de alegacións presentadas, agás dous puntos “de carácter residual”.
O Foro conclúe que a aprobación definitiva desta fraudulenta delimitación oficial ten unhas consecuencias “funestas” pois “arruína o ímprobo esforzo colectivo de recuperación do primeiro e máis antigo itinerario histórico a Compostela desde hai máis de 20 anos, premia os invasores do noso patrimonio camiñeiro, consolida con recursos públicos a ocupación do itinerario orixinario e a destrución do seu territorio histórico e bens asociados e pon en risco a candidatura da vía primitiva a Patrimonio da Humanidade”.
Dúas imaxes do Camiño que quedan fóra da delimitación:
Castiñeiro da Corredoira en Soutomerille
San Martiño- Bolaño
Deixa unha resposta