– Enténdese por fillo predilecto de Castro Verde (e a súa variante feminina), a consideración oficial feita a aquela persoa claramente identificada con este territorio pola súa traxectoria vital e que teña destacado polo seu talento excepcional, traballo encomiábel ou compromiso e entrega solidaria para beneficio do conxunto do seu pobo, quen o recoñecerá como tal para ben común da súa veciñanza e para que este acto de gratitude sirva de exemplo e incentivo, ao tempo que a súa memoria se perpetúe como representante ilustre desta terra de antiga lembranza.
– Tan excelso recoñecemento terá carácter extraordinario e deberá ser sometido previamente á consideración pública e á reflexión e o debate comunitario, incluíndo as organizacións presentes no tecido social, cultural, político ou veciñal, para que dito acordo sexa o resultado dunha reflexión crítica e serena, procurando evitar acordos tendenciosos, sectarios ou interesados, así como a manipulación política ou particular dos mesmos.
– A resolución adoptada en solitario polos grupos políticos con representación no Concello de Castro Verde, a proposta da súa alcaldía, vulnera claramente todos os postulados anteriormente enumerados e desprestixia os fins do propio acto xurídico que se propón a nivel oficial, viciando de facto esta cerimonia de recoñecemento e situando a corporación municipal á marxe do corpo social que afirma representar e do que se desvincula claramente.
– A asociación cultural Amigos do Patrimonio de Castro Verde, para non avalar coa súa presenza ou asentimento os termos do acordo, entendemos que non debe participar en dito acto por canto non foi convocada en modo algún para emitir a súa opinión razoada sobre os termos da proposta, chamando a atención sobre estes raros procedementos propios dunha partitocracia. Ustedes se lo guisan, ustedes se lo coman…
– A título ilustrativo e polo que poida ter de agravio e falta de rigor e seriedade no que atinxe ao respecto que merecen os grandes símbolos da vida pública, tanto máis nun municipio de evidente aboengo e longa historia, cómpre advertir que aínda non foron materializados os acordos de recoñecemento adoptados en pleno extraordinario o día 8 de agosto de 1970, en sesión presidida polo alcalde don Sabino Arana, e que a proposta de don Manuel de Rivas Reija instituía nomeadamente a figura de “cronista honorario do municipio de Castro Verde”, distinción que consideramos axeitado recuperar en atención aos méritos que concorren neste condado de vella estirpe e á tan necesaria potenciación da súa devaluada autoestima que pasa por horas baixas.
– En relación co caso concreto que nos ocupa, non estaría de máis que o Concello identificase claramente o autor ou autores da proposta e que, de paso, concretase os méritos do homenaxeado con tan alta distinción, fundamentalmente no que atinxe ao seu grao de compromiso público, declarado e sostido no tempo, canto aos intereses da Terra de Castro Verde, á súa identificación coa mesma, singularizadamente en esforzos e labores desenvoltos ao longo do último século, atendendo ao feito de que nacer nunha das nosas aldeas, emigrar de meniño e regresar cumpridos os noventa, con seren circunstancias dignas de respecto e de valoración, non semellan ser créditos dabondo para competir coa exemplar traxectoria de compromiso persoal e de entrega ao traballo en beneficio deste pobo que atesouran moitos dos nosos anciáns, malia non ser de dominio público.
A Xunta Directiva de Amigos do Patrimonio de Castro Verde.
A primeiros de Maio de 2012.
7 Xuño, 2012 at 11:48 a.m.
Querido Manolo, estás a piques de dar culmen a túa carreira.<br />Pena que a envidia non conte para ser fillo predilecto.