Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítesis chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.
Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!
Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron cando aínda estaban verdes…
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta