Reflexións preparatorias:
-I-
¿Quen dixo que a vida é unha competición? ¡Si, e non, pero dito así, a secas, é unha contradición! Aquí abaixo afixémonos a competir fronte a…, cando o importante é competir en…, en nós mesmos! Si, ho, si, en nós mesmos, comigo mesmo, e non cabe vacilar, que nolo explicou o propio Xesús; iso si, con parábolas, como fai o bo Mestre, que vai tirando dos alumnos á súa altura pouco a pouco, con exemplos, con frases sinxelas…, para que o podan, para que o podamos, entender!
Tédelo, témolo, en Mateo, 25, 14-30, e tamén en Lucas, 19, 11-27. “Ó cabo de moito tempo chegou o Señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei. Entón díxolle o Señor: Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar, ¡a gozar!, da festa do teu Señor”. ¿Qué; aínda non está claro?
Para os xudeus, como pobo avanzado da antigüidade, xa pasaran os tempos cambiarios do “pecus”, do pago en especie, e estaban no dos talentos, ¡no dos talentos moeda! Pero aínda nos chegaran aos “tests”, os tests intelectuais, así que, daquela, moito non entenderon, que se algo máis entendesen entenderían que aquelas ensinanzas eran propias dun mestre, ¡do Mestre do mestres!, e por tanto Verbo, palabra divina. Por iso o mataron, por iso tamén: polo seu complexo de alumnos envexosos e torpes; ¡mataron ao mensaxeiro da Boa Nova! ¿Criminais? ¡Sen dúbida, pero tamén, burros, autodidactas da propia burremia, enterradores dos propios talentos! Pero Xesús non falou só, e tan só, para os seus coetáneos: ¡Xesús falou, explicou, máis ben para os apóstolos, para os seus divulgadores, para os seus misioneiros! Daquela, para todos nós, presentes e futuros, ¿ou é que non somos, ou debemos ser, apóstolos, sucesores, retransmisores, daqueles, primeiros, alumnos do Gran Mestre?
A todo isto, Deus ampare aos superdotados, ricos ou pobres, pois, se máis recibiron, máis contas terán que render, máis alto o listón, máis difícil o exame. Pero non nos ateñamos ás fotos do próximo, sexan guapos ou feos, ricos ou pobres, listos ou torpes, porque o único que nos importa é mirarnos no propio espello: ¿Qué, medramos, imos perfeccionándonos, cómo nos vai a nosa intra competencia, esa loita que temos en nós mesmos, con nós mesmos; ese dilema entre vexetar ou razoar? ¡Se nos houbese creado Deus para vexetais, daquela teríamos raíces, e tronco, e ramas, e follas…, pero temos alma, un alma perfectible, que ten a obriga de restaurarse a si mesma, lavándose, día a día, as propias culpas, a parte herdada pero tamén a incrementada!
¿É, ou non é, unha gozada, coñecer que somos capaces, por concesión divina, de auto rexeneración, de auto purificación? ¡Xa, pero, de pasotas que somos, en lugar de facer Camiño, de mostrar o Camiño, preferimos pasear en auto, e de apearnos, facémolo para competir co próximo e non con nos mesmos! Abafounos o Mestre con ensinanzas, ¡demasiadas para alumnos vagos!, e ata se nos esqueceu, ou pasou desapercibida, aquela promesa enaltecedora: “Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante de meu Pai celestial”. ¡Non foi promesa de político, senón divina, e aínda así afiliámonos ao pelotón dos torpes! O bo desta carreira, o bo desta competición Terra-Ceo, é que temos o diploma, o premio, asegurado, e aínda así fraqueamos, dubidamos? ¡A única carreira, a única competición, á que podemos dedicarnos en corpo e alma sen menoscabo das outras! ¿Non se di que, estudar e traballar, asemade, ten o seu mérito? ¡Si, é certo, pero máis mérito, máis mérito e máis proveito ten, estudar, traballar e, de paso…, salvarse!
Xosé María Gómez Vilabella