En Castroverde, polo menos en Castroverde, nos tempos da miña crianza, só era Carnaval unha vez ao ano; agora, ¡os tempos avanzan que é unha barbaridade!, Carnaval é todo o ano, coa excepción do 28 de Decembro, mal chamado de Inocentes, pois a verdade é que diso xa non queda, ¡nin sequera en Castroverde, que é onde máis verdes estamos, por pura ecoloxía, non se pense mal!
Na década dos Trinta, díxose que os de Montecubeiro eran uns precoces por defender unha República menor de idade, cando aínda non morrera o Rei. ¡Desterrado si, pero morto, non! Neste 2012, menos dun século despois, aquí na Coruña acabamos de ter un Alzamento, outro, ben distinto por certo: ¡Os nenos dun Colexio, que, armados con pistolas, formaron un Somatén de Sheriffs, en defensa das Tradicións, ao berro unánime de, “¡Abaixo as traizóns!”. Eu, que casualmente pasaba pola Praza de Pontevedra, botei man da cámara… O caso de María Pita ese si que me pasou desapercibido, unha porque eu aínda non nacera, e outra porque daquela non había cámaras fotográficas, pero esta, a de hoxe, si que a paso á Historia Patria!
-¿Qué traizóns houbo? –Pregunteilles timidamente, pois os vellos non estamos para correr nas algaradas, e hai que ser prudente. -¡Cales van ser, as dos políticos, que de ser un país rico de xente pobre pasáronos a ser un país pobre de xente rica, de xente enriquecida á costa dos pobres! ¡Pero vostede, como é un vello non o vai entender! –Rapaciños, na miña crianza, aló en Montecubeiro, e na Meda tamén, a crítica política faciámola sen armas, ou mellor dito, só cunha espada, mediante un Tribunal de Sentenzas, e cortándolle a cabeza ao galo! -¿Daquela, qué simbolizaban no galo, co galo? -¡Moi sinxelo: Só había que atribuírlle ao galo aquelas desfeitas do caciquismo…! -¡Pois nós, outro tanto, que tan indignados estamos, que arremetemos contra os defraudadores, contra os incompetentes…, ou máis exactamente, contra aqueles que fan mal uso das súas competencias!
A idea non me pareceu mala, así que non só os retratei, senón que me sumei á protesta. ¿Ou é que os católicos non temos dereito a protestar, sempre vai ser poñe-la outra meixela?
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta