Sempre, ou case sempre, falamos do noso lugar visto desde o barrelo, desde as fiestras do noso niño, do niño dos nosos pais, pero as apreciacións difiren cando se ponderan desde un palco exterior, máis ou menos afastado, pois daquela a sensibilidade, os sentimentos, están imbricados en paisaxes de múltiples contrastes.
Para comezar as miñas andanzas, naquel tren dos corenta, ¡vinte horas de Lugo a Madrid!, cos ollos chorando por culpa do fume, pero tamén da nostalxia, nunca tiven mellor ocasión para ollar aos meus adentros, á miña procedencia: ¡Deixaba un mundo coñecido por outro que nunca vira, en verbas de Rosalía! Deixaba aquelas teixas, e iso que un fato delas ía tras de min, nun mercancías, embarcadas en Lugo polos tratantes daquel Antón de Marcos…, como de costume, para mante-los madrileños! Se puidese abrir as ventás, se mo permitise o fume, sería capaz de albiscar aqueles chorros de suor da miña xente segándolles aos casteláns…, un trigo que seguía racionado! No meu asento de madeira non había suor pero si humidade, das bágoas daquelas mulleres, daquelas mozas da miña bisbarra, que optaban por cria-los seus fillos co leite da Cachorra, deixados ao coido dos avós, mentres elas, para paga-los consumos, ¡para pagar o que outros consumían!, ían vender, malvender, as súas tetiñas, as súas aleitadas, aos señoritos da Villa y Corte. ¡Isto non se apreciaba, ou pouco, desde o propio Castroverde!
Cando sobrevoei o Estreito para entrar en Marrocos, entón, e nunca como entón, comprendín aqueles trinta días que lle dedicaban ao charco grande, camiño de Cuba, camiño da Arxentina, maiormente, aqueles emigrantiños do noso Val Verde, que só volvían á terriña se lograban que lles ruxisen as moedas no peto. ¡O que máis lles ruxía eran as súas tripas, baleiras de tanto xaxún, de tanto economizar!
En Ifni, nada máis aterrar, os meus ollos deron con aquelas chumbeiras que bordeaban o campo da aviación. ¡Ai, Deus, onde aterrei, onde me metín, que aquí non hai figueiras, que as deixei quedar no meu Bergland!
En Aaiún, xa desde o avión, a miña imaxinación levoume a matinar que outro tanto lle pasaría ao meu Castroverde se os nosos inimigos, de telos, nos lanzasen unha bomba atómica. Certo é que alí abaixo había un oasis, pero era de palmeiras e non de carballos, e menos de castiros, pero máis roxo cá franxa da bandeira de España, que por algo lle chamaban Sequía El Hamra! O meu fillo, Pedro Paulo, a falta da besta de seu avó, que a tal momento estaría pastando en Montecubeiro, no Zarro Vello, aprendeu a montar en camelo, precisamente diante da casa na que vivíamos; unha casa do Banco, con cúpulas para a calor, pois dos corenta poucas veces baixaba. ¡Daquela si que lles envexei aos de Castroverde o seu Campo da Feira, precisamente aquel no que vendía as zocas do meu ripeiro, de quince en quince!
En Andalucía, por moitas estradas que recorrese sempre se me viña á memoria aquela promesa da Sabela de Castela de non mudar de camisa ata que caese Granada. ¡Sucia! Tanto, como cando ordenou que non “cejasen” na “castra y doma de Galicia”. ¡Pero aos de Castroverde aínda ninguén os castrou nin domou!
O de Xixón foi o máis grato, principalmente por dúas circunstancias: Porque alí arriba tamén teñen un Lugo, outro Lugh, o de Llanera. E logo que á Xixia chegaba, ou comezaba, o Camiño de Santiago, o antigo, o primitivo, que é tanto como dicir, o do meu Castroverde. Daquela moito falei diso, con moita xente, pero tíñase tan esquecida a Vía Romana que ata no meu Castroverde ignoraban que o lugar de San Miguel do Camiño lle debía o apelido a Santiago, créndose, nesa inopia, que se trataba simplemente do camiño que traían os maragatos cando ían cos seus bocois do viño; ¡un erro, pois o viño chegaba polo outro, polo Ancho, mentres que a auga complementaria esa si que viña da serra, dos mananciais da nosa Serra!
En Estremadura o que máis me preocupou foi que criasen os porcos debaixo das súas aciñeiras, mentres os nosos se privaban das landras…, por encerralos no cortello! ¿Sería un atavismo que nos viñese daqueles alxubes do castelo, e iso que xa levaran as cadeas e mailos cadeados para o Museo de Lugo?
Valencia decepcionoume ao ver que lle botaban verdura ao arroz en vez de mariscos. En Castroverde faciámolo con leite e azucre; ¡son uns pobres: eles teñen o azar das noivas, pero as vodas rumbosas facémolas nós, con vodas e tornavodas, xamón e lagostas!
En Cataluña axeonlleime, pois o seu Montserrat tamén é sacro para nós posto que alí mesmo, naquelas Cortes do 39, o noso Castelao presentou aquel Estatuto de Autonomía, que foi o lévedo do que temos hoxe nesta Galicia dos meus…, dos meus soños, aínda que tamén dos meus pecados!
Se non lle quixese a Mallorca o que lle quero, non houbese aguantado unha década de enviarlles artigos ao Centro Galego para a súa “Adiala”, sección “Aventuras turísticas”, nos que ben veces me teño referido ao meu Castroverde, tentando exportarlles algo das nosas belezas turísticas.
O dos países estranxeiros deixareino para outro día, pois é largo de contar, e por ende, imposible de resumir. Nesta idea, e nesta promesa, deica logo meu caro lector!
Deixa unha resposta