Como galego que son quixera amosarlles o seguinte:
Ninguén discute que haxa centos de miles de persoas que falan habitualmente en castelán no noso país; o que parece incrible é que ignoren vostedes que máis do 50% da poboación se expresa en galego. E como demostran as campañas doutras empresas con menos prexuízos ca esta (vid. “R”), o uso do noso idioma na publicidade é un elemento de prestixio e de interese para o público. Co uso exclusivo do castelán, incluso na TVG!!, parecen insinuar vostedes que non lles interesa o cliente potencial máis numeroso, o que usa o galego -por fortuna, cada vez con menos complexo; incluso cando o usa pouco e, en moitas ocasións, tamén orgulloso del mesmo cando non o usa-. Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio. Pode que estes detalles e estas reivindicacións lles parezan irrelevantes. Pero eu, como “castroverdense”, farei o posible por que a miña familia, amigos e coñecidos que son uns cantos membros, non pisen o centro comercial mentres non mostre respecto por TODA a clientela e non unicamente por aquela que, con criterio “cosmopailán”, parecen asociar vostedes aos “grandes” (?) números. Están a tempo de rectificar. Se non o fan algúns seguiremos indo ao pequeno comercio, tan necesitado de apoio, e garántolles que faremos o que estea na nosa man por espallar este desprezo persoal e colectivo. Cando digo “faremos” se cadra pensen que somos catro. Continúan calculando mal.
Deixa unha resposta