O agradecemento



Aínda que o escriba un de Castroverde, non vai dedicado aos nenos de Castroverde, senón ofrecido…, por se vén nestas reflexións algo que sexa útil, ou que poida aproveitarse como estimulo nestes días críticos.

-.-

Unha vantaxe que teñen as crises socio económicas, igual que pasa cos invernos, é que…, invitan a reflexionar! Pero nesta re-flexión, coido que nos paramos pouco na cousa do agradecemento.

O agradecemento é unha virtude retrógrada, xeralmente inversa, xa que a goza máis o que dá que o que recibe. Aquel que dá algo, aquel que obsequia, aquel que se desprende dunha cousa valiosa, ese tal séntese feliz con só imaxinar a felicidade que lle proporcionará ao receptor apropiarse do que non tivo que suar, nin suar nin padecer ou molestarse para crealo, para telo, para darse a conseguinte satisfacción.

Deus, cando creou o mundo, bendiciu o sétimo día e consagrouno; gustoulle a súa creación, e en vista de que era cousa boa decidiu crear un home, darlle unha compañeira, tal e como fixera cos animais, ofrecéndolles nada menos que o goce do seu edén. O Creador, o Dador, sentiuse feliz coa dádiva, pero a Humanidade, con ou sen consello da serpe, quixo máis! Presentouse insatisfeita e desagradecida.

Pois ben, se iso lle pasou ao propio Deus, ¿que non será entre nós, cos nosos iguais? Xa o entreviron os romanos, tan pragmáticos eles, co seu “Do ut des!”. ¡Douche, si, pero…, para que me deas!

Esta sede, esta secura, esta apetencia por recepcionar, por recibir, é universal; o agradecemento, algo menos.

Cando unha nai lle dá o peito á súa criatura, a pouco que nos fixemos nela resultaranos contaxiosa a súa emoción co bebé; se lle fose posible non só lle daría a mamila senón o corpo enteiro. Seguidamente upa o neno para que expulse o ar, para que se quede coa parte útil. Este sería o momento de decepcionarse pois os nenos adoitan durmirse a continuación, de inmediato, sen formular un ricto de agradecemento, pero a nai dáse por satisfeita coa propia, coa íntima satisfacción da súa entrega, do deber cumprido.

Van Gogh só vendeu un cadro en vida; de morto, só logran compralos os potentados. ¿Cabe un desagradecemento meirande? Coa maior parte dos escritores pasa o mesmo, que só lles agradecemos as ensinanzas a posteriori, ás veces cando están desfasadas, ou en transo de tal, cando corresponden a un contexto periclitado.

Os fillos teñen, ou temos, o costume de preitear pola herdanza, pero en vida dos pais coido que non son maioría aqueles que lles dan a satisfacción de dicirlles, de recoñecerlles: “Meu pai/miña nai, moito vos sacrificastes por nós, moitas privacións tivestes que pasar para chegar ao que chegastes partindo de tan pouco!”.

Limitándonos ou concretando os logros culturais, se fósemos agradecidos recoñeceríamos que desde a Cova da Valiña para acó moito leva matinado e perfeccionado o homo sapiens, pois aínda se asombran os avós cos estudos dos seus netos, para canto máis aqueles primitivos que se emocionaron co descubrimento do lume e co da roda. De postos a contemplar os avances obtidos desde a prehistoria teríannos por semideuses. ¿Agradecemos aos antepasados semellante esforzo para chegar á situación actual? Sospeito que o farán poucos, e se cadra celebrarano os menos favorecidos pois adoita ocorrer que somos máis sensibles para o pouco que para o moito, como se o moito, o grande, o importante, desbordase a nosa capacidade de coñecemento e de recoñecemento.

En definitiva, que incluso somos racas na fórmula de da-las grazas xa que se comezou dicindo, “Grazas a Deus”, para caer na abreviación dun “Grazas” a secas. Igual pasou co, “A Deus te encomendo”, que o reducimos ao simple Adeus.

Estes días está de moda exculparse e botarlle culpas ao próximo:

Aos Bancos porque, co diñeiro baixo, buscaron altos rendementos sobrevalorando os pisos para que as hipotecas fosen grandes, e por conseguinte rendibles, case ad infinitum!

Aos pais porque, cansos de ternos nas casas, a mesa e manteis, aconselláronos botar en piso propio, anticipándonos a herdanza, en lugar de gastala connosco para aguantarnos e soportarnos!

Aos promotores por non dedicarse a montar fábricas en lugar de ascensores, que así poderíamos venderlle á China en vez de comprarlle!

Aos sucesivos gobernos por deixar entra-los “caiucos”, habendo negros dabondo no país, neste país xa de vello tan recastado e tan…, inconformista!

Etcétera, etcétera.

¿Queda demostrado que o agradecemento é de natureza inversa? ¡Para min, si!

Xosé María Gómez Vilabella