ROTEIRO RODINSO- MIRADOIRO OU O PRADAIRO – CRUZ DE PEDRA – MASOUCOS –
MUÍÑO DE DOURADO -VILACOTE

Nesta mañá de San Martiño, realizamos a primeira metade, aproximadamente, do roteiro dos Muíños do Nacente, como dicimos arriba desde Rodinso a Vilacote.
A subida desde Rodinso á Vacariza ao pé dos muíños de vento, merece a pena facela aínda que só sexa polas vistas sobre as terras de Castroverde, Lugo, O Pármo e Sarria… Logo achegámonos ao Miradoiro desde onde se pode contemplar grande parte da provincia de Lugo e parte de A Coruña.
Desde aquí descendemos camiño da Cruz de Pedra, onde un pequeno traxecto coincide este roteiro co Camiño Primitivo. Desde a Cruz de Pedra, por certo oculta pola maleza, ata Masoucos, onde puidemos contemplar no noso descenso, á nosa dereita as terras da Frairía, Folgueira, entre outras, e continuando ata Masoucos en dirección a Vilacote e contemplar todo este fermoso val.
Visitando a igrexa e castro de Masoucos onde o socio, Fernando Castedo e a súa famlia nos agasallaron coas súas explicacións e visita ao muíño da súa propiedade a quen agradecemos desde aquí a súa amabilidade.
Falemos un pouco da igrexa, castro e muíño desta parroquia. A Igrexa de Masoucos, dicir que está asentada no lado norte do castro de Masoucos e é de planta rectangular con nave a dúas augas sobre armadura de madeira con tres trabes tirantes. O presbiterio, máis alto cá nave, é de planta cadrada con cuberta a catro augas, e a el se por un arco de medio punto rebaixado.
A sancristía aliñada á parte posterior do presbiterio é máis baixa que este e ten cuberta a tres augas.
A fachada é de cantería con porta de lintel e cuberta por un amplo e rexo cabido soportado en seis piares e pechado por unha repisa, con acceso frontal e cuberta a tres augas. A espadana ten tres vans a dous niveis e tres pináculos superiores.
A fachada desta igrexa quedou inmortalizada nun coñecido gravado do artista lugués Manuel Castro Gil
O Castro de Masoucos está onformado por un só recinto de planta ovalada tendo unha defensa en terraplén de 4 a 6 m de altura.
Conserva un foxo no lado sur e ten dúas entradas, unha ao norte e outra polo sur. Actualmente a súa croa dedicouse ao cultivo do millo.
O Muíño de Dourado. É un muíño de cubo, de cantería, con dúas moas. É de planta rectangular e a estrutura vertical ten muros de cachotería de xisto e granito con marcos de cantería nos ocos. Ten un alboio ou alpendre lateral onde se conserva unha pequena lareira para quentarse nos días de frío e onde se resgurardaban as cabalerías. Todo o conxunto está cuberto con lousa do país, disposta a tres augas no muíño e a dúas no alpendre.
Desde Masoucos ata Vilacote, onde remtamos no día de hoxe.
Pola tarde celebrouse a Asemblea anual.

Saúde-Terra e Lingua.

A mediados de novembro de 2010