Pero hoxe voume quedar no chanzo inferior, no básico, no daquelas rapazas… Moitas e delas aínda viven; están en condicións de darlle ao talle, pero…, entre que os famosos trigais do condado de Flammoso están case todos a pinos, e algún a eucaliptos, e que as máquinas actuais desprezan a palla triturándoa xa sobre a mesmísima leira, perdemos o pracer de velas acanearse!
Os malles resucitaron despois da guerra, mais, ao igual que lle pasou a Lázaro, tempo adiante volveron a morrer. ¿Quen se lembra dos malles, ou mallos? Rapaces que manexades o ordenador, pídovos encarecidamente que comentedes isto con vosos avós pois teño a seguridade de que lles emocionará lembrar e comentarvos aqueles tempos. Os malles, que os teredes visto no Museo Etnográfico de Castroverde… ¿Que non sabedes onde está ese museo? Se mal non me lembro, estaba nun deses colexios antigos, uns edificios moi acolledores, e algún deles incluso modernista. Os malles, digo, facíanse preferiblemente de freixo, unindo a pértega co malluco por medio dunhas correas enlazadas, que se facían xeralmente cos vergallos do cocho, un material elástico e consistente. Manexa-los malles era máis ben cousa de homes, ¡a forza das mulleres adoita estar no cerebro!, que se poñían fronte a fronte, tal e como se fosen saca-los puntos da muiñeira. O ritmo tiña que ser monocorde pero ininterrompido, só perigo de fenderlle a testa ao compañeiro enfrontado. Desgranadas as espigas, entraban en acción as espalladoiras, maiormente para separa-la palla longa da miúda, e de paso evitábase que se escapase algún grao para o palleiro.
Xa coas máquinas, o papel da espalladoira resultaba ampliado porque a palla saía moi ciscada, ¡espallada!, da desgranadora. Espallar si que era cousa das mulleres pois os homes témo-lo talle duro e non valemos para cimbrarnos. ¡Deus, qué pracer ve-la danza daquelas mozas na eira! Pero as moi pillas adoitaban revira-lo mantelo para que lles tapase as pernas nos seus agachamentos… Na foto de aí arriba, a espalladoira, unha moza de hoxe en día, está de calzóns, e xa non é o mesmo!
A malla tiña dúas cousas boas: O trigo, que ía parar á hucha; e logo a chea dos malladores, que se comía sempre, ou case sempre, na casa da malla, ocasión na que a ama non tiña dó da súa despensa, a tal punto que para o sucesivo tería que subirse a un tallo para corta-los touciños.
Hoxe en día, e xa como folclore, temos reproducións patrimoniais daquelas mallas, maiormente das de máquina, en varias parroquias da contorna, pero, sendo iso bo, mellor sería xeneraliza-los cultivos cerealistas para volver a comer pantrigo…, ¡noso!
Nota: Dedícolle esta lembranza á nosa querida Espalladoira, que ben o leva feito separando o trigo da palla, a ciencia da burremia, a arte da vulgaridade, a diversión do tedio…
Deixa unha resposta