O home e maila árbore na bisbarra de Castroverde
(Ao fondo, o célebre Mons Ciro)
Por
Xosé Mª Gómez Vilabella
¿Quen di que nesta bisbarra non hai, nin houbo, idolatría desde as predicanzainas cristiás, fosen de Santiago ou de Prisciliano? Si que a tivemos, e durou, máis ou menos, ata os tempos da vaca pinta. Explicareime:
Nesta comarca pragada de señoríos, fosen eclesiásticos ou seculares, unha parte extenuante das colleitas íanse naqueles pagos escravistas, fosen foros, diezmos ou quintos. O que é foros poucos sobreviviron á II República, se ben a Lei de Redención fora da autoría e da graza de Primo de Rivera, e diezmos aínda menos, pero algún foro si que coñecín pois tales eran as rendas que lle redimiron a meu avó das súas herdanzas en Queizán, pola súa avoa, unha Otero de Paderne, e mailas de Caraño, procedentes da fidalguía dos Gómez de Neira da Olga; en canto aos diezmos, os que se pagaban por decruar nos montes da Capela dos Penallos, percibidos polo arcipreste de Luaces e satisfeitos polos labregos de Trasín de Pol, e de Maxide e Bascuas, xa de Castroverde, estes veciños negáronse a entrega-los mollos ao sentirse amparados pola República. O que si perdurou por algún tempo despois da Guerra incivil, que sempre lle chamarei así, foron os quintos das cavadas no monte e mailos cuartos das efectuadas en chousas ou nabais alleos. En canto ás “medias” das vacas postas, ou de cabana, fóronse extinguindo ao abrirse a emigración pois os pobres preferiron sua-la gota gorda cortando cana en Cuba antes que pedirlle unha vaca prestada ao veciño da Casa Grande.
A chegada das patacas e do millo xa sabemos que tardou en vir, así que, no entrementres, qué? No entrementres, centeo, nabos, verzas, e…, ¡árbores! As landras crúas ían destinadas aos “irmáns”, que era como lle chamaban ao porco, e coido que non sería precisamente por iso de que os seus órganos son parecidos aos do ser humano, senón pola fartura e apoio que nós/que lles, proporcionaban. Pero as mellores triturábanse para engadirllas á fariña, mestura que perdurou ata o santo advenemento do millo e da pataca. Pan de centeo con patacas peladas e cocidas elaborouse na miña casa tempo despois da Guerra, ¡e ben que sabía!
Polo que fai ás castañas, ¡fillas, froito, do deus castiñeiro!, iso foi o maná desta zona: asadas, cocidas e con leite (billós), en pastel, en…, en mil formas, pois de recollidos os ourizos na ouriceira, e de secadas nos caínzos, conservábanse comestibles por máis de medio ano. Os que menos as gozaban eran os “irmáns”, pois, fóra das que manxaban nos camiños das inmediacións das casas, só lles chegaban as residuais, cativas ou podres.
Froito de gran tentación foron as mazás, particularmente as branquiñas, variedade “Eva”, porque procedían, seguramente, do propio Paraíso. Roelas, xa de verdes, era un verdadeiro pracer, agás para os vellos, para os desdentados, salvo que as pelasen e despebidasen para “preñar” as empanadas, xeralmente con algún torresmiño, aínda que soas tamén sabían a gloria xa que viñan de árbores sacras, que nada diso de “Árbore do Ben e do Mal”, pois o de Eva está claro que foi un pecado de luxuria, unha infidelidade habida co propio Lucifer, que a penetrou en forma de serpe…, ¡porque os anxos, tanto os bos coma os malos, non teñen mingola!
En canto ás peras, particularmente as pardas, de asadas, foron por séculos o noso “turrón” do Nadal. E logo que se lles daba unha simboloxía erótica, que así a recolle a cantiga: “Aquela noite…, unha noite de xeada, abalei unha pereira que nunca fora abalada…”.
E xa non digamos os teixos do Medullius, os buxos de manga-los coitelos, os amieiros de tinguir a la, os biouteiros de enramallar as casas polo San Xoán, os bidueiros das nosas sacrosantas zoquiñas, as abelás, as trabes das nosas casas, os freixos para manga-las ferramentas…, terminando nas repolas, que nos permitían quenta-las canelas, e de paso alumar, nas longas invernías destas latitudes!
¿Qué; tiñamos, ou non tiñamos, razóns para adora-las nosas árbores, tan espléndidas nesta terra rica pero de xente pobre, ou máis que pobre, avasalada? ¡Por algo as veneraban aqueles castrexos, e os que viñeron despois, tamén!
Do “reino” animal e do polbo á feira falaremos outro día, se Deus mo permite.
Xosé María
Deixa unha resposta