Miscelánea
Aqueles xogos /aqueles xoguetes da miña crianza
Estes tempos de crise socio-económica teñen a súa parte boa: ¡invitan a reflexionar, a cavilar, a examinar a conciencia de cada quen! Por certo, o primeiro que se me ocorre é que a igrexa católica padeceu un pecado gravísimo, de omisión, ao enumerar os sete pecados capitais pois, ¡son oito! ¿Por qué se esqueceron do de dilapidación dos bens escasos? ¿Non sería porque a Igrexa, desde Constantino, se meteu en política, de forma simbiótica, compartindo poder, e por tanto nunca lle faltou trigo nas huchas? ¡Nas súas, se cadra, non, pero, nas dos seus fregueses? Fose como fose, sempre estamos a tempo para rectificacións.
Teño discutido con algún Mestre sobre o abarrotamento?, abotagamento (inchamento)?, da xoguetería destes nenos dos séculos XX/XXI, porque adoitan soster que a imaxinación da infancia perfecciónase con debuxos e xoguetes. Eu, pola miña parte, na miña longa experiencia, sosteño que dárllelo todo feito só serve para crialos indolentes e preguizosos. Comezarei esta análise situándonos nos anos trinta, e tomando como referente aquel rural do meu Castroverde:
O neno, a imitación de Cristo, viña ao mundo case que nun presebe, nunhas pallas; e delas pasaba á caneta, exercitando a súa primeira ximnasia co braceo de tornar das moscas. Esa molestia, ese exercicio, axudáballe a forma-la musculatura, e de paso comezabamos a discorrer: “Está visto que neste mundo vou ter inimigos, así que terei que durmir cun ollo aberto para precaverme deles”. Os nenos de hoxe en día só se decatan de que hai inimigos cando empezan a competir na escola, así que teñen aquí un dos seus atrasos/retrasos.
Como non había “andadores” aprendíase a andar con xeito por obra e graza dunhas cen caídas; ¡outra vantaxe, que nos ensinaban a ser precavidos! A partires diso, tiñamos a Natureza, enteiriña, ao noso dispor: para vela, para tentar de entendela, para gozala, para convertela en xoguete, en instrumento dunha infinidade de experimentos, tanto manuais como intelectivos. ¿Qué almacén de xoguetes pode competir cunha vida campestre, co universo do rural? Froito daquelas observacións chegamos á enxeñería de construír os propios xoguetes, que daquela non viñan de China, pois canto sabiamos dese país era que os nosos pais recollían os poucos selos das súas cartas para darllos ao señor Cura, que os recollía “para los chinitos”.
Como a ningún neno se lle prohibían as “armas de corte”, que precisabamos o coitelo e maila navalliña para comer pola nosa man pois, a partires das papas, ninguén nos metía un bocado na boca, e logo que había que axudar a pelar as patacas, etcétera, etcétera, o primeiriño dos nosos xoguetes foi tronzar polo medio unha pataca, unha mazá, a carola dun nabo…, e cravándolles un cotiño dos da lareira a eses hemisferios, ¡xa tiñamos o chedeiro dun carro!
Despois viñan as palletas feitas co entrenó do alcacén, as frautas dos gromos de castiñeiro, os cirichóns e mailos tirabalas de sabugueiro, as aguilladas de abeleira, a billarda, as pizarras de lousa, cun pizarriño de ídem, e mil cousas, que culminaban nada máis e nada menos que en dous artefactos precursores do porvir: Os “cachorrillos”, que se facían montando nunha culata de madeira un canón recortado da cana metálica dun paraugas; cunha punta das de piso, curvada, e cunha goma cortada dunhas zocas de empeña, montábase o gatillo, que percutía sobre a cabeza dun fósforo. Por engado, os teléfonos a fío, que os faciamos co cilindro dun bote redondo, poñéndolles de tapa un recorte dunha vexiga de porco, daquelas que sobraran de enche-la manteiga de levar ás feiras, que oficiaría de caixa de resonancia; de bote a bote, un fío longo de algodón, que de non telo tamén servía de liño; este fío, traspasando as vexigas, e anoado no interior, facía de excelente condutor, con todo o cal realizábase a conferencia: “¿Quén está nese aparello, quén me fala?”. “¡Son eu, o teu veciño da Casa Grande, que te chamo para que nos veñades mallar, que este ano temos tres medas, e maila das aveas, así que faremos falta todos!” ¿Qué; por se había pouco que facer na propia casa, axudarlles aos da Grande, así que, “xoguetes” non faltaban, e discursos tampouco!
Os debuxos facíanse, inventábanse, de propia man, sen pagar dereitos de autor, naquelas pizarriñas de lousa, tan sofistificados que nin que os fixera o propio Dalí!
En canto aos imprescindibles saberes de Economía aplicada, tanto local coma global, xúrovos que aprendín bastante máis nas feiras de Castroverde, daquela que ía vender zocas, que en tódolos “Samuelson” dos meus tempos da UNED.
Pouco a pouco, ou máis ben en bandadas, espantados, axotados, polo noso autoodio, amén daquel refrán de que a vaca do veciño sempre deu máis leite cá miña, fómonos para a cidade, onde copiamos dos urbanícolas, dos burgueses, que estaban afeitos a ter de todo como consecuencia dos seus ingresos, das súas rendas fabulosas, así que demos en empeñarnos, en consumir, alén das nosas posibilidades, co cal caemos no mal uso dos bens escasos, no seu consumismo pecaminoso, na súa ignorancia de que, “hai mañana”, e iso que ben nolo advertiu aquel beatífico Paco Sarille!
De metidos en gastos, e tamén en folganzas, ¿qué nos cómpre, de presente? Eu xa o sei: ¡Reflexionar, e tras da reflexión, propósito de emenda, pois teño para min que á prosperidade consolidada nunca se chegou tirando a casa pola ventá!
Xosé María
Deixa unha resposta