MIRANDO ATRÁS SEN IRA, SEN AUTOODIO


Parte II

Achegas de

.chegas de

ntra da

Xosé María Gómez Vilabella


Despois falou, e tamén o gravei, a miña dona, que do fío das historias precedentes contounos a súa experiencia, o seu fracaso persoal como ensinante, cunha alumna da súa primeira escola, aló en Pousada, que é da Pastoriza:

-Fai tanto tempo que non exerzo, que a miña historia xa terá as raiceiras secas, secas ou fondas. Un día, vindo de Asturias, que sempre pasabamos por Meira, lembreime daquela cativa tan graciosa e tan aleuta, e ocorréuseme preguntar pola casa dela, que non debía cadrar lonxe daquel punto.

-¡Verás ti qué sorpresa tan grata se leva, que aquela boneca era un sol, das poucas! -Díxenlle aquí ao consorte, para xustificarlle aquela desviación da nosa ruta habitual.


A casa da alumna quedara magnífica, impresionante, despois dunha reforma modernista, que non moderna, tanto, que non a recoñecín ata que unha veciña ma sinalou: ventás de aluminio, do pobre, sen anodizar, pero…, ¡unhas soleiras de mármore, na mesmísima porta que dá ao camiño, á currada! ¡Un televexo dun metro de pantalla en diagonal que para velo comodamente habería que irse ata o sitio onde poñían antes o palleiro, alén da ventá, séxase, de par das loureiras…! E con iso, outras cousas, igual de superfluas e igual de macarrónicas. Quedámonos dunha peza, ¿non si marido? Ata me arrepentín da miña ocorrencia. ¿As cortes…? ¡Nin que fosen do Rei! Aquelas vacas…, ¡todas co Vélaro de Ouro, cos elos de latón marelo, ao colo, e co cagadeiro tamén de mármore, tras súa, mesmamente como llo poñían ao Luis XIVde Francia! Do silo, ¡dos silos!, xa non digamos, que case afogo, que os situaron na eira, entre a casa e maila finca da porta, ¡pero…!, pola parte dos ventos dominantes, e a min todo se me volvía soba-lo nariz, ¡para conte-la respiración!

As apertas tamén foron boas, boas e moitas; ¡tanto, que servirían para aprobar unha disciplina de arte dramática! A miña “ex-cativa”, hoxe señora, ou máis ben, gran señora, mentres me beixaba, ¡cara a fóra, coma quen dispara bicos por tras da orella!, todo se lle volvía mirar para a casa dos veciños, como esperando a casualidade de que mirasen eles polas súas ventás, e a visen tan honrada coa visita da súa Mestra. Polo menos, isto é o que percibiu o meu Xosé María, que para esas cousas das próximas é un mal pensado, ¡que nin que fose da CIA, que non o é!

-¡Vanessita, no me oyes! ¡Baja un momento, que te vou presentar a la mi Maestra!

-¡Mumuchi, ahorita no te puedo, que me estoy haciendo la depi!

-¿Entonces, vas a salir?

Non lle contestou, que os rapaces de hoxe en día non contestan as preguntas estúpidas. Baixou aos poucos, cun pantalonciño claro e moi estreito, tan transparente, case de tule, que ata os cegos lle podían apreciar aquel cegador suxestivo dunhas bragas estreitiñas, ¡e mouras, tan mouras coma o acibeche!

-¡Ah, hola! ¿Soides de Lugo, no? -E sen agardar pola resposta: -¡Voime a Meira, con este chico de la Honda! ¡Le tengo ligao! ¿Es un tío da butti, a que sí?

Xosé María con iso tivo abondo, e sobroulle, que non podía máis, así que lles dixo, pero en galego, que para chapurro abondaba co daquelas propietarias, co daquelas damiselas:

-¡Rapaza, perdoa, pero…, a min, máis que un tío, paréceme un sobriño! ¡Que che aproveite!


Menos mal que este home é tan críptico, que ata foi unha sorte que non o entendesen, ou non lle fixesen caso, que miúdo apuro pasei. A miña ex-alumna, díxolle á filla, por toda despedida, segundo ela nos tiraba uns bicos coa punta daqueles dedos tan ensortellados:

-¿Vas durmir en casa, o pecho la puerta?

-¡Te tengo una llave maestra! ¡Que también hay llaves maestras! ¿Sabedes? ¡Chao, nenes!

A nai seguiu presumindo:

-La estudiamos para Maestra, pero…, ¡ganan tan poco! Así que lo dejó, que con cien vacas, dos criados y mi marido.., ¡que traballen los pobres!

Aquí ao meu home entroulle o telele, e nin me deixou aceptarlles aquel café tan ofertado. Encima diso, tíveno que desculpar:

-Xa volveremos noutra ocasión, que Xosé María seica ten que verse con ese Ferreiro de San Martiño, que son grandes amigos desde a guerra do Ifni. ¡Ah, ten a nosa tarxeta…, por se ides á Coruña!

-¡Sólo te vamos a suministrar, a los híperes! ¡Ya sabes, ida por vuelta, que hai que darles el penso a las vacas, cada seis horas, y una no puede fiarse de los criados; mira, igual, igualito que la teta a los niños!

Xosé María arrancou feito unha fera, incluso contra min…; ¡e ata hoxe!

Daquela díxome o de Pol, dirixíndose precisamente a min:

-¡Non te facía tan mal educado! ¡Chupatintas tiñas que ser!

Pero foi a miña muller a que lle contestou, botándome un capote:

-¡Non, non é así, que a mal educada fun eu! ¡Eu, que me puxen a educar sen saber educar, sen ter unha variña máxica, que aquela de abeleira nunca a usei, salvo para sinalar no mapa! Tamén teño remorsos da miña, reducida, e temperá, pedagoxía, que lles deixaba discorrer pola súa cabeza antes de que estivese de moda facelo así. ¡Formar un neno é algo máis difícil que facelos, bastante máis!

En vista de que aquel experimento das experiencias persoais de cada quen nos traía malos recordos, apaguei a gravadora e tratei de escapulirme, propoñéndolles unha partida de xadrez, e que as mulleres se fosen aos pasteis, que por alí cerca ben deles hai, que os pagaría o que perdese a partida, pero todos coincidiron contra min en que non está ben arma-la danza e non saír a bailar. Entón, para binar, faleilles do porvir, xa que o pasado…; ¡o pasado tiña de todo, remorsos incluídos!

-Ben, está ben, non me porfiedes máis, que xa me decido a falarvos do futuro, cambiando de disco, pero, por levarvos a contraria, esta nova historia, a que me pedides, como aspirante a vate, ou se por tal me tedes, vai ser diametralmente oposta ás vosas:

As tres contistas mirastes para atrás con ira, pero eu vou mirar para adiante con…, ¡con esperanza, posta maiormente na xuventude do século Vinte e un! Velaquí, que volo vou demostrar, pero, primeiro, tedes, temos, que estar un minutiño cos ollos pechos…, para imaxinar que xa levamos corridos, por exemplo, vinte e cinco anos do século Vinte e un. ¿Vale?

-Xa podedes abri-los ollos, que a estou cocendo, e vou empezar por…, ¡por onde se comezan os cestos!

O Iván e maila Vanessa, que por certo non a debedes confundir coa Ester Vanhormigh, que estoutra non é roiba, viviron felices, das rendas que lles acumularon seus pais, aqueles pais tan desprezables que soamente souberon traballar, pero iso si, arreo, nas granxas respectivas; unha explotación de vacas pintas, por máis señas.

Iván e Vanessa coñecéranse bailando, ou similar, nun puticlub deses da estrada do Corgo; e acabaron casándose de penalti, máis ben polas presións das familias respectivas, pois eles crían no amor libre… ¿Sabedes o que é iso? ¡Non, supoño que non, que no noso tempo non se estilaba!


¡Vou un pouco á presa para chegar axiña ao ano vintecinco…, do Vinte e un!

Iván e Vanessa cataran de todo na vida, xa antes da súa maioría de idade, por dentro e por fóra. ¿Para qué especificar? ¡De todo! Droga, homo e heterosexualidade, atracos con medias de seda, amenceres ás dez da noite e anoiteceres ás dez da mañá… Gratísimas experiencias todas elas…, ¡de noxo!, que os levaron, non se sabe se primeiro foi o Iván, ou a Vanessiña, a un afectuoso contaxio da SIDA, que rematou con aqueles próceres en Lugo, no Hospital.

O fillo do Iván e da Vanessa criouse no orfanato, e alí ensináronlle, como procedente da aldea, elementos de Cultura Pratense, pero ao chegar aos dezaoito anos, puxérono de patiñas na rúa, na estrada, como é regulamentario.

Paralelamente a eses acontecementos, un tal Derham uld Fadel fuxira do cárcere de Sidi Ifni, do seu penal, un Centro de Convinción que puxeron alí os marroquíes… Derham lera a fuga de Dantés do castelo de If, coa diferenza de que o saharauí, experto naqueles sistemas de camuflaxe do Polisario, fíxose envolver en mantas de pelo de camelo; e así, acolchado, tirárono desde o cantil, polo muro de atrás do que foi Cuartel Xeral dos Tiradores. Despois do correspondente batacazo na rompente do mar, un cómplice, ou colaborador, seu, desatouno, e deron en remar, nun cárabo…, ¡ata Fuerteventura!

-¿Os canarios, sempre tan obsequiosos e tan amables, non o devolveron a Marrocos? Preguntou daquela a miña dona. Era visible que non incardinaba moito no século Vinte e un, así que lle tiven que aclara-la situación:

-¡Pero, muller, cómo dis iso! ¿Non sabes que despois daquela guerra fría, aquela que tivemos con eses veciños, aquilo da Marcha Verde, e demais, xa non hai extradición? ¡Da recíproca, se entende!

-Non sei se estarás ben informado, que eu coñezo un pescador de Burela, analfabeto en millas náuticas, que nolo devolveron hai pouco; iso si, despois de cobra-lo rescate, ¡que precisamente foron a Rabat, para pagalo, dous Mercedarios, deses de Sarria!


-¡Ben, si, que xa o sei, pero iso é unha extradición unilateral, ou máis ben, unha extracción! Prosigo: Derham uld Fadel fíxose con algún carto, e entón deu chegado a Galicia, onde a nosa Xunta lle arrendou o kibbutz das Veigas dos Feás, entre Pena e Montecubeiro…, ¡que para daquela xa crebara como Cooperativa de Protección Oficial!

Agora, ese Derham, ten alí, nesas Veigas, un campo de liño, que por certo dá xenio verllo. ¡Xeración de ricos, relevo pobre!

-¿Quen llo traballa, que ese val é enorme? -Preguntoume o Mestre de Pol, asombrado da miña profecía.

-¡Xa vou, Xefe! Contrata, a tempo estacional, a eses orfos que se van preparando na Escola de Formación Profesional… Os pobres gañan vinte euros, ¡diarios!, e trabállanlle de sol a sol, ¡que outro tanto non conseguiron aqueles Faraóns! Como vedes, ¡detrás de tempos, tempos veñen! Así está amasando unha fortuna ese Derham, que xa está montando unha fábrica de tecidos en Castroverde, ¡para completa-lo seu proceso de explotación dos seus liñares! ¡Deixámonos invadir, meus nenos, polos que antes foron, case, case, os nosos escravos! Como isto siga polo camiño que vai, teremos que volver a Covadonga…, ¡pero con lanzas de abeneiro!

-¿Dos seus liñares, dixeches; así, en plural?

-¡Non acabades de entendelo! ¡Derham uld Fadel ten tres liñares, un por cada Municipio destes que se formaron, que se constituíron, ao sopé do Miradoiro! ¡Como se ve que sabedes de memoria o proceso de desintegración da URSS, por exemplo, e pasouvos desapercibido o da suciedade española!

-Marido, corrixe, que dixeches suciedade por sociedade…

-¡Traizóns do meu subconsciente, muller, que isto de adiviña-lo porvir dun mundo tan esmendrellado é unha coña!

-¿E que, qué máis? -Preguntou daquela a Mestra do Cádavo, que lle debeu parecer curta a profecía.

-¿Queredes máis? ¿Non chega co vaticinio que vos fixen? Ti, tan relixiosa, ¿vas crer nestes agoiros, nestas bromas, nestes futuribles? ¡Non, muller; foiche unha broma pesada; pesada e pasada, un pesadelo! Ten por seguro que camiñamos cara a un mañá que nos promete Patria, Xustiza e Pan… ¡Pantrigo, por suposto!

-Oes, camarada, iso sóame…, ¡pero non me lembro de qué!


-¡Que pouca memoria tedes! Andades coma don Manuel Reigosa, que se esqueceu de que tiñamos sen organizar esta celebración, e foise escoitar á Ana Kiro; ¡tan fresco, pero sen a súa comparsa, sen o seu séquito, nós! Se non fose pola súa responsabilidade, persoal e de hábitos, ¡eu xa estaría pensando mal!

-¡Marido, vai poñendo punto final e arranca para a nosa Coruña, que estes amigos de Lugo xa te aguantaron, abondo, demasiado!

-¡Deica logo, rapaces!

-¿Deica logo? ¿Para cando…?

-Pois, se antes, non, no Ceo igual volvemos aos contos, en particular aqueles das lareiras…; ¡iso se nos deixan, que no Alén seica hai moita seriedade, o único serio, que esta terra, a nosa incluída, pouco vai a mellor!


Corolario:

Poida que neste momento, nalgún recanto de Galicia, estea morrendo un vello que leve consigo á tumba o eco lonxícuo dunha lenda, ou un caudal de palabras sonoras e expresivas, que ninguén dará a coñecer entre os vivos. … Mais a nosa angustia ten, de pensarmos un pouco, un alivio inmediato: Toda lenda ou verba aparentemente desaparecida deixará unha engurra na conciencia da Terra Galega.

Ramón Otero Pedrayo, no seu, Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega.

Algo levo clamado nas nosas reunións, máis ben gastronómicas, destas Asociacións de Xubilados e Pensionistas para que se nos designe algo así como Guías Honoríficos do Turismo Rural, coidando que deste xeito teremos ocasión de impartir, ou de compartir, de perpetuar, ditos, feitos, contos e belezas, ou tristuras, da bisbarra respectiva. Polas trazas, moito caso non se me fixo, que dos vellos, hoxe en día, espéranse outras cousas máis…, ¡máis prosaicas! Nesta angueira, nesta frustración, apelo ás Autoridades da Cultura, encabezándoas co citado, co irrepetible, D. Ramón.

Vai por estes vellos, e a través dos vellos, ben cordialmente, para estes mozos do século XXI, aos que lles incumbe reconstruír e/ou conservar, tantas cousas, tantas tradicións, ¡unha cultura inxente e polifacética!, antes de que sexa tarde, antes de que se perdan os nosos alicerces, antes de que se evapore este hálito fecundo, fecundador, das nosas carballeiras e dos nosos ríos, e tamén o daqueles entregos que souberon facer da nosa Galicia unha illa receptiva, acolledora, asimiladora doutras culturas afíns, sen por iso deixar de ser autosuficiente e conservadora, estimativa e agradecida do seu herdo patrimonial, histórico!

Polos anos 40 xa dona Emilia poñía os seus “Nacimientos” en Millares, Valeira; despois fóronse para Lugo, e seguíu con esta devoción. Chega con botarlle unha ollada á hemeroteca de El Progreso para comprobar que se anticipou, ¡en décadas!, ao Belén de Begonte, por citalo como referente, sen establecer outro tipo de parangón, que non vén ao caso.

Xosé María