A DEVASTACIÓN DO PATRIMONIO DE GALICIA

Por

Miguel A. Freire


Arredor de mediados de setembro do 2005 a empresa Cementos Cosmos S.A. presentóu na Consellería de Innovación e Industria a solicitude de reclasificación de recursos para a ampliación da explotación mineira adicada a extracción de áridos calizos que esta empresa posúe no Monte Penedo, entre as poboacións de Cancelo e Vilavella, no termo municipal de Triacastela.

Esta reclasificación propón estender os límites da explotación mineira abranguendo a unha enorme superficie na que se verían seriamente afectados núcleos rurais como Cancelo, Vilavella, Vilar, Teixo, Lagoa e indirectamente a uns cantos máis, así coma unha parte da Rede Natura.

Os veciños, unha vez informados a través do DOGA e dos oportunos anuncios, alarmados pola ameaza inminente presentánronse Delegación da Consellería onde de mala gana lles deixaron ve-lo expediente.

Chegándo o periodo de exposición no Concello, na que tanto os veciños coma a empresa mineira presentaron alegacións, a reunión que tiveron co mesmo Alcalde e mais co Delegado de Industria, e Persoal de Minas da Consellería foi, a pesar da boa vontade do primeiro, infructuosa, xa que as autoridades autonómicas manifestaron a vontade de non facer absolutamente nada ante a presente situación recriminándolles as súas alegacións contrarias ó proxecto. Só o alcalde de Triacastela manifestóu certo apoio ós séus veciños, polo que ,como afectados, víronse desprotexidos por parte da Administración, e baixo o pé dunha poderosa empresa con intereses depredadores destes recursos naturais. Á que pouco lle pode importar os dereitos nin a calidade de vida das persoas.

Máis adiante, o 28 de xuño do pasado ano, cando o Persoal deMinas se presentou na explotación mineira para facer operacións de confrontación, os veciños reuníronse alí de novo para manifestar a súa oposición e a preocupación polos prexuizos que pode traer esta reclasificación de recursos, e recibiron como resposta as iras do representante da empresa concesionaria, e aparente responsable da canteira. Dende aquela están a sufrir o tétrico e angurioso silencio administrativo, á espera de que unha nova castástrofe ecolóxica se lles veña encima e arruine os seus recursos propios , entre os que están a agricultura, a gandería e o turismo rural.

Pero ademais, non só están en xogo os intereses destes cidadáns, senón que o patrimonio natural, paleontolóxico e arqueolóxico fica ameazado.

Por mor da natureza caliza do Monte Penedo, ubicado na Serra do Oribio, o fenómeno cárstico deu lugar a numerosas cavidades (covas naturais); espalladas unhas poucas na ladeira norte deste monte, entre as cales temos a Cova de Eirós que é un dos poucos xacementos paleontolóxicos e arqueolóxicos que xunto co de Valdabraira no Courel, son prácticamente os únicos que quedan en Galicia. Trátase do xacemento, segundo os expertos, máis interesante en canto a recuperación de numerosos restos óseos de Ursus spelaeus (oso das cavernas, xa extinguido), chegando a reconstruírse un cráneo completo, e facer unha grande provisión de restos pertencentes a un número mínimo de 34 individuos. Aparecendo tamén restos testimoniais de cabalo e cervo.

As escavacións na cova foron promovidas a finais dos 80 polo Laboratorio Xeolóxico de Laxe en colaboración con paleontólogos, e serviron de base para unha Tese Doctoral da Universidade da Coruña (Aurora Grandal). Asimesmo, en agosto de 1993, arqueólogos do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, efectúan escavacións na zona de entrada da Cova de Eirós para determinar niveis de ocupación antigos. Os resultados foron a aparición de restos cerámicos, de fauna, carbóns, útiles coma burís e raspadores, tanto da idade do bronce coma do paleolítico superior, que actualmente se están a estudar, e que denotan unha grande ocupación da cova por parte de poboacións humanas.

Dada a importancia dos achádegos, esta cova está baixo a protección da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, dependente da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, polo que lle foi colocada unha porta de rexa co fin de protexela; rexa que hoxe está aberta e en situación de abandono total.

No inverno do 2006 foi informada a Consellería da situación do avance da canteira sobre da Cova de Eirós, que está situada na vertente norte do Monte Penedo cunha gran pendente de ladeira a uns 25 m sobre o Regato de Bezcas, onde comeza o val de Cancelo, polo tanto fica dentro das cuadrículas de reclasificación de recursos correndo o risco de desaparición por voadura.

A Dirección Xeral de Patrimonio, como parece habitual nas nosas Administracións, garda silencio, o que denota unha desidia e falta de interese polo que eles teñen a obriga de protexer, que é o patrimonio de todos.

Agora todos estamos a espera do que poida suceder, coa angustia de que unha paraxe natural, un patrimonio cultural, e unhas economías veciñais fiquen afundidas nunha lagoa morta de lodos de lavado, po, cascallos de pedra e infernais ruxidos de voaduras e maquinaria pesada que resoarán por todo o val converténdoo nunha paisaxe lunar, que xa se aprecia impactante a carón do Camiño de Santiago na súa chegada a Triacastela.

Está cedendo a nosa administración, vendendo os dereitos dos cidadáns e o patrimonio cultural e natural de todos a unha poderosa empresa? Cederán polo tanto ante a presión do poder económico?

Isto é unha situación moi grave na que están implicadas dúas Consellerías, ás cales parece que non lles importa nada o que poida suceder nunha comarca que sempre foi esquecida, permitindo arruinar o noso patrimonio e asoballar unha vez máis ós mais débiles.

Temos en Galicia o precedente dun caso, que ainda que non pareza semellante, por non ser provocado por unha industria extractiva de recursos, ten bastante que ver cos recursos naturais. A polémica situación das Covas do Rei Cintolo en Mondoñedo é unha consecuencia da irresponsabilidade do goberno municipal, en parte provocada pola ignorancia sobre a xestión concreta duns recursos naturais que se queren implicar na dinamización turística, que cun proxecto totalmente aberrante de urbanización da cova e o seu entorno, e cunhas intencións económico-financeiras non moi claras, estiveron a piques de degradar irreversiblemente, coa sobreexplotación irracional do recurso, outro patrimonio natural en pouco tempo que é unha fonte potencial de riqueza para os veciños de Mondoñedo se se explota dun xeito racional e sostible, como é o caso de moitas covas no resto do Estado, nas que a xestión das mesmas está debidamente regulada e asesorada por expertos. E quizáis a solución para Rei Cintolo poidera ser o turismo activo.

Parece ser que os nosos políticos só queren beneficios a curto prazo, que lles proporcionen unha maior captación de votos, sen pensar nas consecuencias posteriores, porque unha vez que deixen o cargo, quedarán os refugallos para que os que veñan despois os teñan que limpar sen posibilidade de poder recuperar algo da desfeita por ser situacións irreversibles . E coma sempre, os mais prexudicados serán os cidadáns de a pé e veciños mais próximos que non poderán disfrutar da riqueza do seu entorno, nin sacarlle renda ningunha.