VIAXE Á PENÍNSULA DE BEZOUCOS (ARES-MUGARDOS)



Saída De Castroverde: Ás 7:50 h. desde a praza do Concello. De Lugo: Ás 8:15 h da Estación do tren (imos en autobús).
Chegada prevista a Mugardos: Ás 10:00 h.
Percorrido e comida: explicación a seguir.


A viaxe permitiranos coñecer parcialmente unha área de Ferrolterra con importantes valores ecolóxicos e culturais: a área noroccidental da península de Bezoucos, enclavada no Gran Porto dos Ártabros, tradución do nome que os romanos deron ao gran golfo conformado entre as rías do Ferrol, Ares e Coruña.

Puntos a visitar:

Pola mañá achegarémonos á vila mariñeira de Redes, lugar de grande interese etnográfico. Ademais de coñecer a vila, poderemos disfrutar dun encontro con membros da Agrupación Instructiva de Caamouco, asociación cultural da parroquia aresana do mesmo nome, que está a facer un labor importantísimo de recuperación e valorización da memoria histórica deste pobo. Contaremos coa presenza do seu presidente, Ernesto López Naveiras, para que nos acompañe durante a visita e estancia en Redes.

Despois da comida (que terá lugar nun establecemento próximo aínda por concretar), desprazarémonos á parte mais occidental da península de Bezoucos, área con notables valores paisaxísticos e culturais, onde se fai presente a condición de espazo entre dúas rías, cargado de sinificación histórica. Dende o excepcional miradoiro do Monte da Baildora, situado a uns 260 m. sobre o nivel do mar, poderemos contemplar gran parte do Golfo Ártabro. as agrestes ladeiras graníticas que conforman a bocana da ría de Ferrol, o sistema de fortificacións militares que ao longo do tempo foron construídas para defender a base militar, como os castelos da Nosa Señora da Palma e de San Felipe, construídos nos séculos XVI e XVII, evocadores do enfrontamento militar que tivo lugar nas súas proximidades hai pouco mais de 200 anos … a Batalla de Brión.

Alí visitaremos o Mosteiro de Santa Catalina e parte das instalacións militares creadas no seu contorno entre finais do século XIX e principios do século XX.

Mais tarde, se o persoal está disposto a facer un pequeno roteiro, podémonos desprazar ata o lugar de Chanteiro, situado a uns 3,5 Km. do mosteiro (noutro caso trasladarémonos en autobús; para facer o percorrido a pé, sería bó traer un calzado axeitado -preferiblemente flexibles e cómodos-, dado o abrupto dalgunhas partes do terreo; o percorrido a pé permitiríanos seguir gozando da paisaxe e visitar outras instalacións militares na punta do Segaño, antes de chegar a Chanteiro). En Chanteiro poderemos visitar a Capela da Nosa Sra. da Mercede, construción con carga sentimental para os ferroláns, que no ano 1404 lle ofreceron voto a esta Virxe, en agradecemento pola súa intercesión para frear a peste que daquelas asolou a vila e arredores.

¡Animádevos a vir! Creo que ninguén sairá defraudado e esperamos disfrutar, especialmente se o bo tempo nos acompaña, dun día de lecer nestas fermosas datas de transición cara ao outono.

Debemos darlle as grazas ao noso amigo Enrique Riobó, que foi o encargado de trazar o roteiro.

Para facilitar a organización avisar antes do día 13 de setembro, xoves, aos teléfonos habituais.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Manolo Muñiz

Castroverde -Lugo-, a 7 de setembro de 2007