PARA O TERRITORIO HISTÓRICO DO CAMIÑO PRIMITIVO DE SANTIAGO
Zona de paso antigo, de extrema sensibilidade canto ás vistas panorámicas laterais no tecido viario ao longo da historia, maiormente no que atinxe ás Penas de Barredo e aos vértices xeodésicos que circundan o desfiladeiro aberto sobre o estreito val fluvial que permite o avance da verea primitiva cara Fisterra, cumes castrexos e grandes baluartes rochosos de gran pintoresquismo visíbeis desde os máis diversos puntos da rota.
No lento proceso de ocupación territorial, son os asentamentos de castros quen inzan o itinerario deste primeiro camiño a Compostela, ben sexan prerromanos ou galaico-romanos, maiormente os vinculados ás explotacións auríferas das beiras do río Navia no tramo central desta calzada durante a última etapa citada. Explotacións mineiras que articulan ao seu arredor poboamentos e vías de paso e de transporte. Porén, abonde como paradigma desta enorme riqueza patrimonial a monumental Croa de Soutomerille que olla como cae o sol nas Penas de Barredo, un promontorio castrexo erguido sobre o Camiño Primitivo e consagrado como exemplo insigne do xeito en que estas vellas acrópoles dominan o territorio e controlan as antigas vereas.
O pulo adquirido polos camiños de Santiago vén de oriente a occidente, como o movemento do orbe, para integrar as diversas identidades na comunidade cultural europea, unha vella tendencia universalista que comprende numerosos aspectos da vida artística, urbanística, migratoria e poboacional, litúrxica ou lexislativa. Os puntos de entroncamento destes eixos de antes propician o asentamento de núcleos con moita raizame, facendo o tránsito máis seguro e protexido. Tal é a “vía calciata” procedente das terras buronesas, que irrompe polas serras orientais a unha altura media de entre 700 e 800 metros rumbo ás chairas do interior lucense, un eixo primitivo que forma a mediana desa franxa de territorio histórico delimitado polas antigas urbes de Oviedo, Lugo e Compostela, encaixado en estreitas cuncas fluviais que salvan unha complexa orografía disposta en sentido transversal no avance do camiño cara a posta do sol e do que os vales e os montes de Barredo son a mellor constatación d este primitivo sistema de comunicación.
Así, a rota xacobea máis antiga do mundo constitúe unha longa plataforma sucada de profundos pregamentos que a contextualizan e lle dan sentido, descendendo en frecuencia e intensidade a medida que se aproxima ás costas fisterráns. Esta singular vía de penetración galaico-asturiana foi agrazada coa presenza dunha breve altiplanicie central que actúa como espiñazo do seu corpo turxente e da súa accidentada topografía, adoito custodiada por altos tesos e formacións rochosas que debuxan no espazo o territorio histórico desta prestixiosa rota, balizándoa e configurando a súa imaxe paisaxística no camiño á fin do mundo: cotas verticais ao itinerario primixenio e iniciático, estremeiras, sexa a 1200 metros nos picos de Pedras Apañadas que saltan sobre o canón do río Navia, Muradal arriba na divisoria entre as terras de Burón e de Baleira, na serra ciclópea da Lastra, na Pena Vieira de onde verten as augas do Neira, no Mirador do monte Pradairo que actúa como bastión contra as néboa s do Cantábrico que percorren o val do Eo e que por veces rebordan de Tras da Serra, a Lomba que se derrama polo Monte do Camiño no señorío de Castroverde, o castro de Recesende que ofrenda sartegos no intre en que o camiño bica as augas do Chamoso e -ao cabo- a Pena Branca enseñoriando as Penas de Barredo, pechando o horizonte que avista o verxel no que aniña o conxunto natural e monumental de Soutomerille, na encrucillada do Camiño Primitivo das peregrinacións co vieiro da Terra Chá e os pobos do Norte.
Esa angosta meseta central que transita de leste a oeste seguindo o trazado direccional da rede de vías romanas é quen permitiu a apertura dun corredor antigo para a comunicación ao longo do macizo astur-galaico, con picos que como o do Acevo, do Cerredo ou do Hospital, e serras como a do Invernal, do Follabal, Legua Seca ou Lomba da Pergua, foron imbricando esta rota co seu medio físico, proporcionándolle un avance sostido malia as dificultades do terreo, mediante pequenas gargantas, valgas, canóns e desfiladeiros ocultos entre accidentados portos que marcan o rumbo cara Compostela, perdendo altura a modiño nese camiñar incesante en liña recta ao punto no que o sol cae definitivamente no medio do mar.
Esta galería aberta entre altos fitos xeográficos botará man de humildes pasos ou viais de tránsito escavados na confluencia coa cimeira dos montes, segundo acontece no Penedo Apertado, entre a Pena Vieira e o Monte das Penas, no Alto da Fontaneira (a 930 metros de altitude), no Monte da Matanza ou no Alto da Vacariza. Tamén no entorno da Pena Branca, para vencer o sistema montañoso no que se integra, sobre O Cruceiro ao que accede a Costa Francesa que vén do hospital de peregrinos de Santa María de Gondar. Cumes imprescindíbeis para o Camiño ao lle proporcionar abeiro, referentes para a orientación na cultura camiñeira e boas vistas.
Esta vía medieval de Barredo á Terra Chá tiña a propiedade de fillar no camiño dos peregrinos tanto á saída de Santiago de Vilariño –capital municipal de Castroverde- por San Miguel do Camiño, como sobre o río de Romeán ás portas de Barredo e de Santiago da Meda. No primeiro caso, atopamos a encrucillada do camiño real nas Penas de San Lázaro, onde se situaba a capela do antigo lazareto situado no Camiño Primitivo que vén de Asturias, tratándose dun cruzamento histórico que aproveitaba o abeiro dos montes de Xivil e da serra de Monciro en dirección á Chaira por San Xoán de Barredo, e logo Vilalba e as mariñas de Ferrol, delimitando esa cuña administrativa da diócese mindoniense sobre as terras castroviridenses, camiño da feira moi frecuentado até mediados do século XX por veciños e tratantes asentados na valgada da aba de poñente de Monciro.
O embaixador de Alí ben Yúsuf soubo intuír axiña a condición última deste ancestral itinerario como camiño do occidente: “É tan grande a multitude dos que van e volven (a Compostela) que a penas deixa libre a calzada de Occidente…”. Un sentido da orientación fondamente marcado polo propio itinerario solar sobre a cúpula celeste e impregnado na filosofía de vida das primeiras comunidades cristiás que entenden a importancia simbólica de que entre o sol de poñente pola porta dos seus templos, como así sucede na vella igrexa da casa de Soutomerille, de xeito tal que o Sol Divino que se oculta na Pena Branca penetra nave arriba sobre as sepulturas dos seus valedores, incidindo a intervalos dun día solar sobre o retábulo pétreo consagrado ao Salvador: é o fulgor solar que desde a noite dos tempos comunica sen obstáculos as Penas de Barredo co centro eucarístico do santuario visigótico agochado naquel paradisíaco lugar. O Sol Invicto das deidades romanas; o Salvador que aluma o camiño dos fieis cristiáns. A razón que explica a orientación deste edificio de culto máis que milenario, na rota solar de leste a oeste, a razón última que o arqueólogo don Jaime Delgado remonta aos doctos teólogos da escola alexandrina.
Arriba, sobre o alto da Croa de Soutomerille, outro centro de culto olla á Pena Branca e aos Picos de Barredo: son as Pedras das Pozas, esas aras que alguén comparou coas rochas andinas que a 4.000 metros se erguen na Peña de los Siete Morteros identificada coa peruana cultura chaví. É este un dos máis sobranceiros santuarios que o home primitivo posuía ás portas de Lugo, altares de sacrificio aos catro ventos, nos que se ofrenda ollando de fronte á Pena Branca, implorando aos deuses do solpor. O máis fermoso conxunto de morteiros sobre a vía primitiva dos peregrinos –con “asentos” circulares formados nas mesmas rochas de Barredo- que nalgunha ocasión os teñen asemellado á representación das sete cabriolas da constelación, abertos a ese inmenso arco astral que domina estas coroas castrexas –onde Plinio separaba Ceo e Terra- , miradores profanados en 1991 por unha escavadora que arrincou das entrañas da acrópole diversos materiais líticos compostos de múltiples moas de muíño m anual, prismas, cerámicas de mesa e outros tesouros da cultura castrexa.
Por aquí, saltando de castro en castro, terían recuado as afoutas tribos galaicas que nalgunha romántica tese afrontaron o paso por estes tesos camiño do seu tráxico destino, das fortalezas do Azúmara aos promontorios rochosos de Santiago da Meda e de Barredo.
A Croa de Soutomerille, as Penas de Barredo, os castros da Pallota e o de Gondar debuxan, delimitan e pintan o horizonte do territorio histórico que define e explica a configuración física do Camiño Primitivo de Santiago, a traza da súa calzada e o espazo no que asentan os últimos vestixios das comunidades antigas. Territorio asociado a un camiño histórico con continuidade no hábitat e nas comunicacións malia as dificultades orográficas, desde a época megalítica á actualidade, logo do seu brillante papel na fase dourada das peregrinacións medievais á fin do mundo.
O camiño dos peregrinos sempre olla a occidente, é o camiño transfronteirizo que por aquí se dirixe a Fisterra, con toda a carga mitolóxica dos finis terrae. Máis que en ningures, aquí, entre os cumios da Croa de Soutomerille e da Pena Branca de Barredo, resúmese e escríbese a topografía do paganismo e dos lugares santos vencellados a accidentes xeográficos moi notábeis, maiormente as montañas. Son as manifestacións sagradas da natureza. A mensaxe dos grandes promontorios, formas de culto baseadas na expresión das forzas naturais, como o sol que para os camiñantes que veñen do alén se afunde sempre nas Penas de Barredo e presta luz e horizonte da tarde ao santuario de Soutomerille, o máis emblemático do Camiño Primitivo a Compostela, a antiga construción visigótica do mosteiro de Santo Maireli .
Estrabón sabía da prevalencia entre os galaicos dunha caste de relixiosidade baseada nas formas naturais. Un significado cosmolóxico do Camiño que non se entende sen a proximidade da montaña, e por ende, do culto ao sol que vai de oriente a occidente, o sentido mítico da fin do mundo, os confíns que contrapoñen o Leste co Oeste, a concreción dun símbolo nun lugar, a noticia da predicación de Santiago o Zebedeo nas terras occidentais da cristiandade. Pois ben, ao paso por Soutomerille -un dos fitos históricos e patrimoniais máis relevantes do Camiño Primitivo a Compostela-, o occidente é a Pena Branca de Barredo, a ollada dos peregrinos cara o horizonte da Fisterra atlántica. Un territorio cruzado polo Camiño que delata unha ocupación humana desde a transición do Paleolítico Medio ao Superior.
Un Camiño caracterizado pola presenza de túmulos megalíticos á súa beira, de necrópoles neolíticas que marcan unha continuidade no uso dos pasos que o medio natural facilita a xentes e animais, dominando e visualizando o entorno, de xeito tal que miradoiros como a Croa e a Pena Branca, dunha a outra banda do camiño dos peregrinos, cumpren a función de ver e seren vistos no horizonte, instituíndose nun símbolo e nun referente indispensábel da cultura camiñeira e nomeadamente da camiñeiría histórica. Grandes formacións xeolóxicas e asentamentos humanos que confirman a preferenza da cultura megalítica polas terras elevadas e as penichairas a salvo desas estreitas vagantas polas que adoito avanzan os camiños de antes, confirmando o criterio romano decantado polas vías a media ladeira, con escasa pendente e sen forzar a traza, adaptadas ás súas necesidades na procura da liña máis curta entre dous puntos. Paradigma, pois, do simbolismo dos altos cumios e penedos canto ao dominio do territorio e das vereas antigas, referente paisaxístico e ambiental, linde, demarcación e orientación, rito e horizonte na procura eterna do destino dos camiñantes no Occidente atlántico, como a Pena Branca o é para o camiño xacobeo máis antigo do mundo ás portas da capital romana do convento xurídico lucense.
Deixa unha resposta