Historias intra da bisbarra


O xigante de Cellán

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Daquela, cando os de Cellán aínda non eran calvos, criouse nesa parroquia tan feraz, ¡tan feraz e tan rica en mozas!, un xigante, tan peludo e tan roxo que a pouco lle segan as barbas un día no que se adurmiñou no cómaro dunha seara. O caso foi tan certo e tan célebre que incluso lle tiraron unha copla que comezaba así:

¡Manuel, Manueliño,
se queres afeitarte…,

aquí tes o meu fouciño!

O problema daquel xigantón, do tal Manuel, foi que se namorase dunha rapaza, por certo que ben churrusqueira, de aló de Vilar de Cas, cousa, circunstancia, que tivo o seu aquel, segundo paso a referir:

Aquel “vilar” viña, como tódolos Vilares, dunha importante villae romana de gran auxe, pois, do que non, xa tería desaparecido como topónimo. Contan os vellos do lugar que en tempos pertencía en exclusiva á familia dos Munios, do latín Munis (que “munises” é outra cousa, un termo económico). Da forma Munis deriváronse os apelidos actuais Moniz, Muñiz, Muñoz, etc. Munis, para os latinos, quería dicir, “servizal”, así que esa villae daríanlla en premio, con toda probabilidade, a un importante servidor, acaso ao fámulo dun Pretor da Lucus Augusti. (Non se debe confundir co éuscaro “muño”, que significa outeiro, pero si pode provir do árabe “munia”, pois así lles din ás hortas, e tamén aos xardíns).

Veña de onde veña, o caso foi que os Munios proliferaron, e deron partillas, xurdindo un núcleo importante de casas, que serviu para dar cognome ao lugar: ¡Vilar das Casas! Igual que se podería dicir, Vilar de Riba, ou Vilar de Abaixo. ¿E logo, -preguntará alguén-, cal é o motivo de que algún despistado o nomee Vilar dos Cas? ¡Ah; iso é outra historia, que precisamente está relacionada co caso do noso “Manueliño”! Cando o xigante de Cellán saía de mozas, que os do Vilar xa o enxergaban de lonxe, tal que desde Moreira, para espantalo, para que non se achegase, encirrábanlle os cans, e como a xente deste país é dada aos alcumes, ¡pois iso, que deron en dicir, Vilar dos Cans!

Daquela non había iso do baloncesto, así que o único que se lle acaía ao tal Manueliño era apaña-los ourizos directamente da árbore, ¡para que non caesen ao chan! En canto a durmir, aínda ben non se arrimaba aos palleiros, tronzáballes as pancas, así que, despois diso, coas choivas, ¡a palla podrecía! Queixáronse diso ao señor Moscoso, que era Conde, e como tal, condenaba aos que mal quería. O feudal cavilou en traer uns canteiros vascos, que daquela facíanse nomear con “b”, “bascos”, que acababan de construírlle unha torre para “control”, dos seus aforados, por sobre do río Azúmara, nun pereiro, que de aí lle vén o nome a ese lugar, “Bascuas”, para que emparedasen nela ao xigante mentres durmía, borracho, ¡que lles custou tres pelellos de viño anestesialo! Facer a torre levoulles tres noites, que nas dúas primeiras caeulles a parede, ¡co bruído dos ronquidos daquel homazo!

Tamén tiña o Moscoso un castelo vello, alí cerca, en Franqueán, e preferiu deixar franca esa vila con tal de que cen carretos, dos seus cen lugares, levasen a pedra suficiente para facerlle aquela cela ao Manuel. Cando espertou da anestesia alcohólica, ao terceiro, atopouse dentro daquela torre, pero xa coa mesa posta, ¡para que non se lles irritase! Tres cabritos e tres pas de centeo, tan grandes, tanto, que case non couberan pola boca do forno. En vista diso, do ben que o trataban, Manueliño acougou feliz na súa cela, ¡de cantería! Ao tal prisioneiro, en consecuencia, deron en chamarlle “Cellán”, ou sexa, o xigante da cela, ¡da cela emparedada!

Manter ao Manueliño requiría a metade das rendas do señorío de Miranda, que era anexo de Castroverde, pero o peor foi darlle de beber, que sen viño non lle baixaba o manduco; e tamén evacuar a súa evacuación, así que torceron o río, desviárono, que daquela dicíase “tordealo”, que diso lle vén o nome ao Tórdea. ¡E todo iso, ese gasto inútil, por culpa de que daquela aínda non se inventara o baloncesto!

Afeito a vivir das rendas do Moscoso, na súa cela, ¡coma un frade!, ao xigante antollouse casarse, pero iso foi cousa seria, ¡máis que desvia-lo Tórdea!, porque, ¿onde podía haber unha femia das súas medidas? Á rapaciña do Vilar arrodeárana de cans, pero o Mordomo de Castroverde xa nin nela pensou, que aquela conxunga era anatomicamente impensable. Por parte, o señor Moscoso tampouco lles fixo caso aos que lle propuxeron mandar a pedir unha moza daquelas do Amazonas, ¡que “amazonas” lles dicían! Coidaba o conde que, se chega a inzar Manueliño, ¡adeus condado! E xa lles tiña medo abondo aos irmandiños, sen complicarse máis a vida…

O “Cellán”, casar quería, ¡e muller de xeito non había…! Entón un albeite propúxolle ao Mordomo que o mantivese con mazás; ¡tódalas mazás da Pumarega, e máis que houbese! Con iso collería unha anemia perniciosa, ¡indefectible! E coa anemia, aqueles problemas loxísticos acabarían nun feliz viático. O que lles pasou desapercibido foi que a nai do Manueliño, que seica era unha ninfa que vivía cabe do Tordea, abasteceuno de troitas, así que, cando lle foron co viático, Manueliño saudounos cun ufido tan forte e tan enérxico que se derrubaron as marcacións do portalón da torre!

Tan pronto se viu libre, deu en correr polo río abaixo, que para entón xa tiña máis de troita que de home, ¡coas que levaba inxerido! O caso foi que deu chegado ao Miño, e do Miño pasouse a Portugal, onde seica roubou unha carabela, que nela se foi, para América, a toda vela, ¡vento en popa!

Tempo adiante, volveu da súa emigración un tal Muñiz de Carvajal, que era de Montecubeiro, pero procedía daqueles Muñiz do Vilar, (que tamén chegaron a ser fidalgos de Vilafrío). Preguntáronlle polo Manueliño:

-¿É certo que está facendo as Américas…?

-¡E tanto que as fai, que puxo un harén de amazonas, só para el! Cando pasei por alí, río abaixo, o Manueliño quedaba cortando madeira, na selva do ecuador, cos seus fillos, quince ou vinte; tanta, que a van exportar a medio mundo!

Con esa nova, o Moscoso púxolle garitas de garda, nos esquinais do adarve, ao castelo de Castroverde, ¡por se viña aquela tropa!

……

Aínda que pasaron tantos anos, cada vez que vexo o enceste dun americano, maiormente se é moreno, que as amazonas seica eran algo mouras, de tanto sol tropical, venme a lembranza daquel xigante de Cellán:

Menganiño faise co esférico…, e vira en redondo…; chuta tres veces…; érguese un pouco… ¡Non, así non! ¡Agora agáchase, que lle quedaba baixa a canastra…! ¡Canaaaastra!

¿Deus, por qué nos libros de Historia só poñen a historia da xente normal, a da vulgar, xeralmente a dos matóns, habendo persoas de tanto calibre, e para iso, esquecémolas ao día seguinte do seu enterro?