Historias intra da bisbarra

-IV-

O Paio de Sampaio

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

O demo me tentou aquela noite, mentres quentaba as canelas na cociña vella da Pallota [i]), nunha rolda de contos, referir o caso do que lle pasou ao noso Afonso da Cordeira coa Mestra do Pombal. Veredes por qué, qué complicacións e qué descubrimentos traen consigo as verbas, certas palabras:

Afonso fora comisionado para ir a Castroverde a busca-la nova Mestra, que tiña anunciada a súa chegada nos coches dos Veigas. Á saída da Misa, que era cando daba as ordes o Pedáneo, Dositeo da Cernada. ¡Iso si, despois de cantar o Cara al Sol, e de lanzar aos catro ventos, que en San Cibrao non son catro senón corenta, aqueles berros do Arriba España, Viva España, Viva Franco!, algún gracioso propuxo que fose Afonso a busca-la Mestra…, porque dispoñía dunha boa cabalgadura… ¡Tamén era certo pois o burro do Afonso ata tiña marcha atrás…, cando se entouñaba!

O que non tiña Afonso, daquela, era fillos na Escola, pero gozaba de cinco cargos, ¡cinco!, todos elles por enchufe do Cura e tamén do Pedáneo, de consún: Campaneiro, enterrador, sancristán, apousentador da tropa e alguacil das cacicadas! ¡Demasiadas prebendas como para negarlle ao Pedáneo unha prestación persoal! ¡Como sería a cousa, que incluso tiña unha camisa azul, reservada para estas ocasións! O pobre Afonso, ¡que digo pobre, que no Ceo seguro que está de Alguacil das Ánimas, ou polo menos, de Introdutor de Responsos!, aceptou a comisión, sen rosmar.

Fóronse de seguido para Castroverde, que aquel domingo tocaba feira, o señor Ignacio e mailo Afonso. Ignacio polo correo, e Afonso para recolle-la Mestra.

De volta, por Bolaño adiante, mesmo alí xunto do río, deron en ladrar os cans de Gervasio; e daquela o burro, que non era de tanta paz coma o seu amo, sacudiu as pulgas, de tal xeito que deu coa Mestra no chan, ¡coa saia revolta, que se lle puxo de bufanda por culpa do vento! A Mestra, que era de Lugo, e por iso, espelida, visto e non visto, levantouse nun tris, asentou a saia, e arrimando o burro á parede do prado, volveuse a sentar na albarda, xa antes de que o Afonso, ou o Ignacio, ou calquera dos que viñamos con eles, fose de Lugo ou da feira, tivésemos tempo de galantear, axudándolle naquel apuro e naquela vergoña. Ela só falou co Afonso:

-¿Has visto mi prontitud…?

-¡Señora Mestra, xa me gustaría verlla…, se me dese tempo a mirar, pero, ademais, aquí non se lle chama así!

Aínda ben non rematara eu aquela historia picaresca, ¡que de conto nada tiña!, cando dixo un daqueles patrucios, que era de Sampaio:

Esi home ye bobo, que pudo tarse callau, ou dicirlle que lla volvese a ensinar…, en mellor ocasión!

Tempo adiante, vivindo eu nas Asturias, non sei como me acordei daquel episodio, e entón decateime de que o señor de Sampaio chapurreara algunhas verbas…, ¡en bable! Na primeira ocasión volvín pola Pallota…, ¡para localizar aquel chistoso!

-Mire, señor, eu ardo en curiosidade por saber cómo é que vostede, naquela ocasión, dixo aquelas verbas…, ¡en bable! Tamén me dixeron, aquí, na propia Pallota, que vostede, o que é da Fonsagrada, nunca pasou; pero non só iso, senón que estes días, falando con xente deste contorno, atopei algún que outro que tamén bablea…

Enfadóuseme:

-¡Aquí non babea ninguén; e teña conta do que di!

-Señor, iso do “bable” élle a lingua dos ástures…

-¿Como que de les ástures? ¿Así que só saben o que aprenderon de nosoltres?

Demos en falar, na propia Pallota, cunha sidrina ben fresca, que nos meteran a botella nun balde de auga, así que, de collida confianza, aquel patrucio referiume o que el mesmo tiña escoitado dos seus devanceiros:

-Segundo me teñen referido, un irmán do señor do Castro Verde, ao que lle dicían Conde de Flammoso, se mal non me lembro, cando fixeron partillas deulle este Souto de cara a Lugo ao irmán, ao Paio, axudándolle a erguer unhas torres…, ¡que de aí ben o de Souto das Torres! Máis ou menos coas torres xa habitables, chegaron por aquí uns maragatos dando alarmas de que viñan fuxindo duns mauretanos, que asomaran polo Lucus Asturicum, un lugar ao que deron en chamar, Astorga, e que colleran monte arriba en dirección ao puertu dos pallares…, ¡seguramente para arroubarlles o trigo, e co trigo, as mulleres e maila facenda que tivesen!

-Iso chámase unha razziaLle aclarei, e mal feito da miña parte, pois a un relator daqueles de transmisión oral, aqueles dos contos de lareira, nunca os debemos interromper, que se lles corta a narrativa. El seguiu coma se non me oíse:

-O conde do noso Chamoso non debía ausentarse, ¡que para iso yera conde, sendo a súa obriga atender, ou defender, primeiro, aos seus vasalos!, así que lle dixo ao irmán, ao Paio de Souto: Colle a metade da nosa xente, coa metade das bisarmas…, e que leven tamén outra metade das gallitas que teñamos, esas de ferro, esas de voltear a herba…, cun cento de cabalos, e saídes a térlle-lo camiño aos mauregatos, para protexe-los nosos curmáns ástures, que eu tamén tiven novas de que un tal Munuza deu chegado á Xixia, e que se plantou nela de Gobernador, murando aquelas termas de cando os romanos… ¡Si, ho, pola mesma vía, por ese camiño por onde viñeron os nosos devanceiros…!

O irmau, o noso Paio, xunto co bispo bretón, que seica eran grandes amigos, por se aparaba nos mouros coa cruz alzada, aló que se foron, sen demora, comu llocos, e con tal marcha que ao día seguinte xa sobrepasaran a Fons Sacra… Anda que te andarás, coa impedimenta e co gando que levaban para ir asando nel, aos poucos días estaban na Gigia, séxase, no Gijón, onde lle fixeron interromper a currada ao Munuza, que se largou, ao trote, coa súa xente, cara ao Leste. E tras deles seguiron, bastante tempo, ata que os arrinconaron nunha bocarribeira, que lle chaman…, que lle chamaban… ¡Hai Deus, diso non me lembro, que como ninguén me ten fablado daquela guerra…!

-¿A vostede sóalle…, Cangas de Onís?

-¡Home, iso de cangas…; cangas son os xugos longos, eses que teño eu para acolar el millu!

-¡Mire, non ten importancia! Prégolle que faga un esforzo de memoria, e que me refira canto lembre desa historia de familia, que a penso poñer por escrito…, se me dá a súa venia!

-Pouco máis queda, pois o Paio seica venceu aos maures, aló, nunha cova… ¡Outra vez, Señor, que ata estarei perdendo a memoria…!

-¡Covadonga! Cova da Señora, que así lle puxo aquel Bispo, ¡para darlle as grazas á Señora, á Señora do Ceo!

-¡Ai, ho, a túa memoria si que é boa; e que Deus cha conserve, por moites añus! Volvendo ao caso: Cando lle chegou o recado daquela vitoria ao noso Conde, fixo dúas cousas: Ordenoulle ao Paio que tomase posesión daquelas terras, e que se quedase nelas…, por se volvían les moures! Por outra banda, aquí correuse a nova de que houbera un milagre, entre a cruz do bispo e maila espada do Paio, así que deron en chamarlle “Santo” ao Paio, que ata lle fixeron unha igrexa rodeada de cruceiros, para recordar o calvario que pasara aquel home en les Asturies, acurralando nos mouros.

-¿A igrexa de San Paio…, ou do santo Pelayo, que tanto dá?

-¡Exacto! ¡A mesma! O remate do caso foi que, co tempo, o irmán da guerra chegou a Rei, mentres o morgado non deu saído de Conde… ¡E así che foi como os nosos, os de por aquí repoboaron e deron escola aos ástures, pois, meus pobres, como eran das montañas, os de aquí, que ían do latín, fixeron de mestres deles…!

-¿E non lle teñen contado, tamén, algo daqueles preitos que houbo entre os herdeiros, entre os Reis de Ovetum e mailos descendentes do Conde de Chamoso…?

-¿Refíreste ao caso do Silo? ¡Mira, ho, hoxe teño algo de présa, así que, cando volvamos a vernos, tal que na feira de Castroverde, prestaríame que ti pagues el pulpo, e eu fáloche dese Silo, que é un nome propio, ¿sabes?, que daquela os silos do gando aínda non se inventaran! ¿Puedes esperar hasta entós?

-Señor, ben agradecido que vou de vostede; o que non quixese é tardar en volver a vernos… ¿Que lle parece se saímos para Castroverde, na próxima feira?

¡E niso quedamos, que por certo cumpriuno, así que, noutro capítulo…, xa sabedes!


[i] ) A casa da Pallota, hoxe deshabitada, é a última do Concello de Castroverde indo polo Camiño Primitivo; á esquerda do Camiño está a casa, que daquela tiñan taberna, e á dereita o seu muíño, talmente por xunto da ponte que nos une, ou desune, co Municipio de Lugo.