Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde
Función social das Casas Grandes
-XIX-
Xosé María Gómez Vilabella
Traer a colación este debuxo de A.Trillo ten por finalidade axudarlle ao lector a imaxinarse aqueles centros de reunión social, nocturna e invernal por suposto, pois, desde que o tempo permitía volver ás labores agrícolas, aquilo das ruadas adiábase automaticamente, ¡sen sesión de clausura!
Un sucedáneo tivémolo nos recentes “teleclubs” parroquiais, de función análoga á dos libros de “F.E.N.”, que por certo foron un fracaso, ¡e menos mal que algún deles serve, utilízase, como Centro Electoral! ¿Ían as tabernas a deixarse evaporar simplemente polo custe dun televexo, cadora máis baratos? A toda acción segue unha reacción, pero iso non o sabían, non o souberon calcular, aqueles sabios franquistas.
A Casa da Ruada facíaas posibles se cumpría un mínimo de requisitos: Grande de espazos, aínda que non fose Grande por avoengo. A falta de cheminea, una boa lareira. Se non tiñan luces de carburo, importaba pouco, ¡con tal de que abundase a leña! A chegada das cociñas “económicas”, tamén chamadas “bilbaínas”, cambiou bastante a forma de ser e de estar, pois prestábanse para xogar a brisca, pero non para os xogos das lareiras, pequenas e variadas representacións nas que tanto se tocaba a gaita como se facían xogos ou comedias improvisadas: Adiviñas, o xogo das prendas, a última copla, o último conto, etc. Xente conversadora. Mesa de levante, ou similar, para a brisca, se aínda non se tiña a “económica”. Tamén se agradecía que houbese fonógrafo, gramófono, ou gramola; e do 1.940, en adiante, que dispuxesen dun aparello de radio, así fose de galena. Con estes mínimos, ¡parladoiro seguro!
Algunhas reitorais tamén oficiaron como casas de ruada, pero con certas limitacións en canto á franqueza e á liberdade temática. Cando a Ama se poñía a topenear, ou o crego botaba man do breviario, ¡levantábase a sesión!
O rosario deixábase rezado nas casas, o gando, pensado, e os vellos pegadiños ao remol, cando non na alcoba. Despois diso, o farol de “gas”, ou o fachuzo de pallas; tamén servía un tizón se había que cruzar por un saltadoiro ou paso difícil. As mulleres, decote, coa roca, co fuso, ou a calceta. Os homes coa cachimba, ou cun librillo de papel de fumar de Alcoy. ¿Tabaco…? ¡Estaba racionado! ¡Pero non o estaban os tróqueles, ben sequiños, tamén chamados balocos! Non estaban racionados, que os tiñamos en tódolos valados do país, pero…, ¡o labrego non sabía que o seu principio activo é a dixitalina, que de tanto que activa a circulación pode causa-la morte!
As casas da Ruada, precisamente por iso, porque eran ricas e de certo consumo, cando non tiñan xastre coincidía a costureira; nun caso, ou noutro, co seu séquito de aprendices, circunstancia que elevaba, que reforzaba, a animación habitual. Outro complemento era o periódico, que sempre había alguén que lese algunha noticia en alto, e despois comentábase.
Esta función social das casas de ruada non era tan gratuíta como aparentaba, pois os habituais da mesma sentíanse “obrigados á casa”, así que nin facía falta avisalos para que colaborasen en toda ocasión de apuro, cavar, gadañar, segar, mallar… Este concepto de “casa”, nesta bisbarra de Castroverde, pero nas limítrofes, tamén, abarca moito: Desde as paredes ás relacións sociais. A “casa”, entre nosoutros, é un Ente, un Ente Social con vida propia, que por algo aínda se pon nas necrolóxicas iso de “da Casa Tal”, ¡así sexa un alcume pexorativo!
Coa Guerra, as ruadas, como é lóxico, perderon animación, animación e franqueza, pero o seu aforo a menos non foi porque a soidade era tremenda, e a xente tiña ganas de informarse, de oír, de saber… ¡O malo do caso era que os demais acudían coas mesmas apetencias, pero ninguén sabía, ninguén falaba, ninguén se atrevía a larga-los seus secretos, por nimios e por intranscendentes que fosen! O regreso, a reincorporación, dos soldados si que foi de epopea grega: Todos foran valentes, todos traían grandes “fazañas” que contar! ¡O retorno de Ulises! O inexplicable era que botasen por aló tanto tempo sendo tan aguerridos: ¿Por qué tardaron tres anos en cantar vitoria se cada un deles houbese chegado a Vinaroz en…, tres días?
…
Estoume lembrando dun daqueles parladoiros. Nunha daquelas ruadas tiñan a costureira, unha moza que pasara a Guerra en Madrid; e precisamente por vir de Madrid estaba moi solicitada…, ¡para encargarlle roupa a estilo de Madrid! Eu era un neno, e por tanto pasaba desapercibido, que ninguén sospeitaba que tivese unha libreta na casa, onde me dera por apuntar cantas cousas me fixeran graza na noite ou velada do día anterior. Un veciño, xa vello, de alí de cerca, pretendeu acaparar a conversa coa rapaza, de tanto que quería saber dos madriles; por certo, que amolando a un tal Ton, un Sarxento que viñera de permiso, e que se interesaba pola costureira en si mesma, vestidos e “madriles” á parte. Dicía o patrucio:
-Hai, muller, moito me presta coincidir aquí contigo, que me dixeron unha cousiña cousa que me trae a cabeza revolta. Díxome un soldado, pero, como menten tanto, ti vasmo confirmar, ¡ou desmentir! Que en Madrid, por unas toupeiras que fixeron para esconderse das bombas de Franco, ¡agora anda o tren!
-Pues le es verdad, pero no es el tren, sino el metro…; ¡el de medir, no, el otro! Lo malo que tiene es que la gente va de pié, y muy apretada…
O vello, un gran pícaro, escachizábase de risa:
-¡Agora entendo porque te apartas cando se achega o Ton; se aínda fose no “metro”…!
Pero o aludido, aquel Sarxento Ton, que aqueles días estaba de permiso, deulle a volta ao tema:
-Manoliña, para o que che vou cantar, non preciso achegarme. ¡Alá vai!
…
La higuera se secó, se secó,
porque tiene sus raíces fuera;
y mi chata ya no me quiere
porque ando de borrachera.
…
Non sei se por culpa da “borrachera”, ou porque a costureira viña farta de que a “apertasen” no “metro”, ligue non houbo, que ámbolos dous morreron célibes, ¡célibes e ceibes!
Deixa unha resposta