Corridas do galo e Tribunais da Pascua
-VII-
Xosé María Gómez Vilabella
A Corrida da Meda (Continuación)
Avisan á 2ª testemuña
Dios nos dea boas tardes. – O saludiño, primeiro.
Figura que están fortes – pola panza que lles vexo.
A teima das fames: ver unha persoa gorda, que se supoñía ben mantida, era a envexa total. ¡Deus, como cambian os tempos, e cos tempos, as mentalidades!
O Xuíz
Dígame usted, buen señor, – si es casado o es soltero,
y si tiene ocupación, – y en donde tiene su pueblo.
Non sei se me pasarei de suspicaz, pero aquí vexo unha alusión á Garda Civil pois, nos seus recorridos, sempre coa firma dalgún veciño da súa confianza, preguntaba e repreguntaba, incluso ós cativos, ou máis ben ós cativos. Tiñan o hábito arraigado de ver sospeitosos, fuxidos, en tódalas corredoiras, que por algo se dividían nelas pasándose ós cómaros paralelos. O sospeitoso deixaba de selo se os invitaba á súa casa, e mellor aínda se tiña cociña “económica”, proba de que o señor pertencía ás “forzas vivas”.
Testemuña
Eu son veciño do galo, – e compadre do granxeiro;
de oficio afiador, – e por desgracia, solteiro.
Ocupación, teño, teño. – ¡Ojalá non a tivera!
Traballando de contínuo – e sin ver unha cadela.
Aquí tamén amosa a lectura do “Catecismo do Labrego”.
Mais deixemos estas cousas, – que eu véñolle a declarar;
téñolle tanto que decir, – que non sei por onde empezar.
Háille que ter coidadiño – que o galo non lle é bobo;
porque lle empeza a saltar – i o menos pícalle un ollo.
Mire que iste pillabán – háille que atalo cortiño;
que non lle está un tranquilo – nin siquera no camiño.
Galeóulle unha poliñas, – das do pescozo pelado;
das picotadas que lles deu, – as polas iban sangrando.
As pitas vellas que había – él non as quixo atender,
i a consecuencia de ésto – quixeron adoecer.
I hasta unha destas vellas – que lle fixo tanto daño,
ós poucos días andáballe – cantando coma o galo.
Era o cacarexo das pitas vellas e cebonas: as únicas que o labrego se permitía o luxo de matar cando o visitaban seus compadres, volvían os fillos do Servicio ou de América, na festa do Patrón ou cando había parida na casa.
I había outra patrona – que non sei que lle pasou,
que logo deu en cansar – i ós poucos días marchóu.
O caso é que o perillán – tráille o pueblo en vilo;
foille unha boa limpeza – o traelo aquí detenido.
I hasta os sembrados dos pueblos, -todo botaba a perder;
nin siquera unha mala cebola – se lle podía recoller.
Na casa dunha señora, – vusté xa sabe que entróu;
tíñalle un pouquiño de arroz – y en seguida llo papóu.
Dígolle, señor Xuéz, – vostede mire pro que está,
porque se lle pon o mundo – feito unha calamidá.
“Mire pro que está” era a rabexa contra os funcionarios porque habitualmente non atendían o seu cometido, ¡e menos sen levarlles o pernil!
Vostedes que son da xusticia – e teñen cara de serios,
poñan as cousas en forma – pra que se acaben os lerios.
Porque a metá destas cousas, – se eu lle fora quen mandara,
con esta xardola que traigo – algunha estaba arreglada.
A política de “pau e tente teso” chegara a ser un síndrome; case, case, unha hipnótica apetencia.
Sei que aínda lle dou gusto, – que non me manda calar;
pois traballéille bastante – pro que me han de pagar.
Fai mutis brandendo a caxata, e crúzase coa 3ª testemuña, que saúda:
Hai boas tardes pra todos, – aquí lle vou meu amigo;
eu véñolle a declarar, – ó visto sonlle un testigo.
Xuíz
Dígame como es su gracia, – y en donde tiene su pueblo,
y si tiene parentesco – con la familia del reo.
Testemuña
Se me quixera falar – un pouquiño máis en galego,
porque eu neso do castrapo – casi nadiña lle entendo.
Aquí temos outro desiderátum: dicir isto en público, nun Tribunal, por moi de comedia que fose, no 1.948, e que non se decatase ou reaccionase a Garda Civil é incrible. Ou beberan abondo, ou se dixeron: “Son cosas de la burramia de estos paisanos, que no saben lo que dicen”.
Vivo detrás de aquil monte, – aí cara a Lugo mirando;
gracia pouquiña lle teño, – pero voume arreglando.
Eu da familia do reo – non lle son nada nin quero;
tampouco llo conocín – hasta que chegou ó pueblo.
O día que chegóu, vino. -¡Ojalá que non chegara,
que fixo cada faena – que inda da noxo contala!
Entraba nos galiñeiros – como se fora o amo;
comíalle o que encontraba – i a picotazos co galo.
Na casa dunha patrona, – alí entrou hasta a despensa;
coméulle canto tiña, – i hasta se lle ensuciou na mesa.
Tiña a patrona guisantes – que os quería sembrar.
¡Nin siquera deixou un – que se poidese aproveitar!
Non lle galeaba as vellas – porque estaban desplumadas;
pois il tamén ha de ser vello – se non morre nas andadas.
I hasta lle matóu un galo – porque galeaba a feito;
que lle foi lástima dil – que non era mal sujeto.
Alí a unha veciña – foille escalar ó hórreo;
cando ela se déu conta – tíñao descuberto todo;
e mire se foi desgracia, – que nestes medios choveu;
molláronselle os queixos, – e algún hasta podrecéu.
Pra castigar estas cousas, – fíxese ben no que digo,
que se eu sigo declarando – levántaseme o xuicio.
Poñan as cousas en forma, – e aten cortiños os negocios,
que estes novatos d´agora – queren mandar máis que todos.
As novas xeracións empezaban a esixir cartos, liberdade, etc., e iso rompía coas tradicións patruciais: ¡os vellos poñíanse en garda!
Quero que fagan xusticia, – e que non pasen por riba,
porque senón este mundo – ponse feito unha tortilla.
Termino de declarar – e xa non digo máis nada,
porque se me poño cego – teño para toda a semana.
Quere dicir, máis ou menos: “Se me poño cego…, se dou solta sen prudencia á carraxe que me motiva este reo…, porque cometeu delitos dabondo como para declarar durante unha semana”.
As testemuñas baixaban a modiño, saudando e xesticulando graciosamente, do palco – tribunal. Cerquiña montaran un chiquiteiro a onde os acompañaban os “picapleitos”, con porte e ademáns de señoritos, fachendándose para celebrar por adiantado o éxito da querela. Comen e beben soezmente, chamando a atención, por exemplo, agarrando coas dúas mans restras de chourizos, xerras de viño, etc.
Despois dun descanso para que o público gozase daquelas bromas, ordes dos fareleiros, etc., arriba, na tribuna, tocaban os sinos anunciando a continuidade do xuízo.
Os avogados, con togas e todo iso, dispúñanse para intervir,
pero iso verémolo no capítulo -VIII-
Deixa unha resposta