Resume do roteiro: Outeiro (Forno da Vella)-Santa Xuliana- Gracián-Paderne (sábado, 10 de febreiro de 2007)
Amigos e amigas do patrimonio de Castroverde, o día de onte para algúns foi ben completiño, e pasamos a resumilo brevemente. Logo duha noite desapacible; houbo un día bo e ben completo. Saimos do Camiño Ancho arredor das 10:00 h. subimos polas Carboeiras, (nos mapas oficiais monte do Bidueiro),(ver fotos) camiño do Forno da Vella, que se ben non chegamos exactamente ao sitio, tivemos a ocasión de contar coa explicación de Saúl López Castro, a quen lle damos as grazas desde aquí. Dicir que desde este monte Castroverde conta cunha das mellores vistas, vese para unn lado o val do río Tórdea, e para o outro, para resumir, desde as estribacións de Montecubeiro ata todo o val, que podemos chamar do Camiño Primitivo, cos rochedos de Barredo e a Meda ao fondo, logo para que digan que non hai impacto ambiental, no caso de se chegaran a abrir as canteiras.
A seguir baixamos a Santa Xuliana, que por confusión de pista saimos a Outeiro, pero isto deparounos sorpresas, puidemos descubrir uns potentes carballos e castiñeiros, curiosas fontes, paredes …. Desde aquí subimos a Santa Xuliana camiño de Gracián. En Santa Xuliana darlles as grazas aos de Crecente, por ternos axudado na escolla do roteiro: Comentar que a saída camiño de Gracián coas súas casas, regos de auga, soutos e carballeiras é digno de ver, e desde aquí pedimos a súa protección.
Xa en Gracián visitamos a aldea; coa súa fonte, capela e casa cun escudo, cremos que da casa do Fidalgo. Dicir que Gracián é unha aldea ben conservada. De Gracián ao Canteiro e desde aquí a Paderne. En Gracián darlle as grazas a Manolo Besteiro por axudar, levar a algúns ata Paderne. Camiño de Paderne puidemos contemplar novamente todo o val ata a serra do Mirador e novamente os rochedos de Barredo.
En Paderne puidemos ver unha explotación de gando do país. Xa na igrexa, salientar os restos de pinturas de 1500, e o retábulo. Pedimos desde aquí protección e estudo destas interesantes pinturas. Salientar o feito de que a igrexa estea un pouco afastada da Parroquia. Xa en Paderne, observamos, o mesmo que en Gracián a aldea bastante ben conservada. Salientar aquí tamén as súas dúas fontes, e especialmente a capela da Casa de Pallín, con acceso desde fóra, integrada nas construcións da casa, pero con acceso desde dentro e desde fóra da casa. Salientar o interesante retábulo desta capeliña, na cal, segundo Carmiña Pallín, se pode bautizar e casar, e dámoslle desde aquí as grazas pola súa boa acollida. Grazas tamén a Ainara, da casa de Ligdor, por ternos acompañado na visita á igrexa e parroquia de Paderne. Finalmente, fomos ver a carballeira, Chousa da casa de Pallín, onde Paco Pestana hai xa uns cantos anos fixo unha obra, aínda que hoxe bastante deteriorada.
O resume dos actos da tarde serían moi longos de explicar, e xa non teñen que ver co noso Concello. Mais temos que dicir que algúns asistimos ás explicacións que se ofreceron da Catedral. Explicacións que van desde o ano 1129, aproximadamente, ata o século XIX. Xoias que temos ao noso redor e que non valoramos. Grazas aos de Lugo Patrimonio por deixarnos participar neste acto, e aos especialistas, D. Xaime Delgado, Adolfo de Abel Vilela, e Alberte Gónzález.
E xa ploa noite, algúns aínda puidemos disfrutar coas actuacións dos grupos; Claviband, Batuko TabanKa, Radio C.O.S., Paiasos en Rebeldía e Mercedes Peón, que se achegaron a Lugo con motivo de recaudar fondos para o pobo da comunidade de Sonzapote, na Illa Zapatera (Nicaragua).
Amigos e amigas, saúde e saúdos.
Ata o 10 de marzo, aínda que contamos poder comentarvos algunhas cousas de aquí a alá, se todo vai como agardamos!.
Castroverde-Lugo, 11 de febreiro de 2007
Dicir, que un ano máis seguimos contando coa insestimable axuda do Plan Xacobeo e do Concello de Castroverde
Coa colaboración do Plan Xacobeo da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e do Concello de Castroverde
Deixa unha resposta