De cando os mouros estiveron en Castroverde
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
Para resultar crible, vouno ter que avalar cunha fotografía. ¡Se non son, parecer, parecen! ¡Uns mouros que entenden o galego, que xa é dicir!
¡Pois é verdade que estivemos, e que seguimos…, de momento! O que non é certo é que fosen os mouros os fautores do noso castelo, cabeceira do Condado de Flammosos, (Chamoso). De castro pasouse a fortaleza, pero, paulatinamente: oestrimnios, ou celtas, a escoller; romanos; suevos; … e castroverdenses! Por moitos beréberes que viñesen, daquela, no 711, da rexión do Atlas, a maioría dos mouros, ¡tan só tres mil, de a cabalo, para poboar unha Sbania que abarcaba, máis ou menos, do Duero, ¡do d´ouro!, para abaixo, ¿a quen se lle ía ocorrer subirse ó Pradairo de Castroverde, 1.029 m . de altitude, en babuchas?
Por aquí viñeron, iso é verdade, de cando en vez, pero, ¡en razzias! Quere dicirse, de rapina…, ¡por se deixaran algo de ouro aqueles romanos! E logo estaban as nosas cabras e mailas ovelliñas, que, de asadas ó estilo mauritano, quere dicirse, con toda a graxa ardendo coas mesmas brasas, iso está riquísimo! ¡Dou fe! Tampouco desprezaban as castañas pois, sabido é, que na Sbania nos as tiveron ata que aqueles súbditos do conde de Lemos chegaron ás Alpujarras, -xa expulsados os mouros-, dispostos a inzar, e a plantar castiros, castiros e parras, ¡que para iso os levaron, para todo iso!
Quen si veu a Lugo foi aquel Al Mansur, aquel que nos arroubou, incluso, as campás de Compostela…; pero iso foi máis adiante, séculos despois, como unha vendetta polo noso invento (descubrimento) do entón irascible Santiago Matamouros.
¡O que son as cousas, as contradicións de Historia: O noso Conde, aquel Pelaio, deulles unha zurra ós mouros en Covadonga, ¡uns cantos que, se cadra ás ordes de Munuza, aquel rexedor de Xixón, fóronse de razzia a onde máis perigoso lles era, ás propias abas dos Picos de Europa!; e séculos despois, outro galego, aquel Señor do Ferrol, ousou devolverlles ós mouros a propia Covadonga, con Mizzian á fronte… ¡E menos mal que volveron a aterecer co frío, pois, do que non, eran capaces de quedarse nas Asturias, per saecula saeculorum, lindando les vaques e papando sidrina, por alcol que teña!
O outro día trouxen ó blog un visitante célebre, histórico, dos moitos que por Castroverde andaron, andaron e gozaron! Hoxe quero referirme ós mouros, pero…, ¡os mouros que pasaron por Castroverde, en camionetas requisadas, cando xa nacera algún dos nosos vellos desa Asociación de Xubilados e Pensionistas que tan entusiasticamente preside o señor Antonio de Vilabade!
Aqueles mouros, -verán do 36-, subiran pola parte da Estremadura, pero non cataron o licor café de Ourense por culpa de…, do seu Al Qurán! ¡Tiñan que pasar, e pasaron, por Castroverde, porque o Tenente Coronel Teijeiro tiña abondo co seu avance pola costa, partindo da Pontenova! Mais polo Este, as Grandas de Salime, o Navia…, ¡todo iso era impenetrable! E logo que estaban aqueles dinamiteiros das minas…, ¡casualmente todos eles galegos! ¿Que matinaron os astutos Franco, Yagüe, Tella…? ¡Moi sinxelo: meter por Castroverde ós rifeños, ós mouros do Rif, que eses, de traballar nas minas do Rif, algo entendían da dinamita…! E logo que as consecuencias, de habelas, non eran de todo malas: De feridos, para Guitiriz, ó Balneario… E de chamalos Alá, ó sétimo, cada un con sete huríes!
¿Ides vendo a importancia de Castroverde, na Historia e no presente? ¡O malo do caso é que, nestes casos, os da casa, adoitamos ser os últimos que valoremos o noso devalar histórico, como dicía Otero Pedrayo!
¡Hai que volver á lareira, e que os vellos nos conten as súas historias, os seus percances, as súas vivencias…, que tamén se irán con Alá, calquera día, e deixarannos crendo que só existiu aquilo que vén nos libros do Bacharelato!
Deixa unha resposta