Crónica do roteiro por terras de Montecubeiro
A seguir fago un brevísimo resumo do roteiro do pasado sábado.
Tal como estaba previsto, o pasado día dous de setembro, tivo lugar o roteiro por terras de Montecubeiro. Xosé Mª Gómez Vilabella deleitounos coas súas explicacións arredor da lenda do Rego dos Lagartos. Dicir, que este lugar encóntrase preto da entrada da parroquia de Pena, desde aquí temos unha fermosa vista do pazo de Carballedo. A seguir visitamos as fontes do río Azúmara, que lástima que as obras da estrada da Deputación desfixeran o encanto destas fontes. Logo subimos ao Castro de Sarceda, e á zona da Insua onde disfrutamos da explicación da teoría do “Medullius”, que segundo o relator, estaría relacionado co monte de Monciro. Comentar que desde aquí se ven os lugares de: O Castelo, Berlán, O Escouredo, San Cibrao, entre outros lugares da parroquia de Montecubeiro. A seguir baixamos ás Cabozas, onde había un cruceiro, que era un marco indicativo, entre outras cousas, pero que os malos trazados da estrada, ten feito verdadeiros estragos, desde aquí pedimos que se faga o posible para recuperar este cruceiro. Petición que facemos a Cultura ou a Patrimonio para que boten unha man neste asunto.
Para rematar a mañá subimos a S. Cibrao para ver o Convento e lembrar aos “caídos” da parroquia de Montecubeiro.
Pola tarde visitamos a parroquia de Bolaño e demos un paseo pola corredoira que vai arredor da Croa, camiño de Pozos. Dicir que Bolaño, como xa sabedes moitos, conserva bastante ben o seu patrimonio, como poden ser o quiosco da música, as lagas de enlagar o liño, o forno do cal etc.
Sen máis, recibe un cordial saúdo.
Deixa unha resposta